O alcalde de Sada aplaude a medida cautelar adoptada polo Xulgado pero a Xunta debe actuar tamén

10 / NOV / 2020

O alcalde de Sada aplaude a medida cautelar adoptada polo Xulgado pero a Xunta debe actuar tamén

Unha vez realizado o inventario, a Xunta debe incorporar ao Decreto BIC do Pazo a relación de bens mobles asociados á categoría de sitio histórico que ostenta o Pazo.

 

Sada, 9 de novembro de 2020

O alcalde de Sada aplaude as medidas cautelares adoptadas no día de hoxe polo Xulgado de 1ª instancia da Coruña e que teñen por obxecto a realización dun inventario de bens e o impedimento ata entón da retirada dos ditos bens do Pazo.

Esta elaboración do inventario debe ter ademais como obxectivo a incorporación ao Decreto BIC do Pazo da relación individualizada e detallada dos bens mobles que, pola súa natureza, orixe ou función, deben permanecer no Pazo ao estaren relacionados coa categoría de sitio histórico, como é o caso da biblioteca Pardo Bazán, o retablo, os tapices, determinados cadros, así como aqueloutros bens que poida determinar a Consellería de Cultura.

“A realización do inventario é condición necesaria pero non suficiente. Para maior seguridade xurídica e maior garantía de tutela patrimonial é preciso incorporar os ditos bens de xeito expreso ao decreto BIC do Pazo, para asegurar a integridade e preservación do Pazo como sitio histórico”, declara Benito Portela.

Carta á Consellería de Cultura

O alcalde de Sada dirixiu onte á mañá unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no que lle insta, con carácter urxente,  á incoación de modificación do Decreto 299/2008 de declaración BIC do Pazo, para que se incorpore a dita disposición a relación de bens mobles asociados á categoría de sitio histórico do Pazo. 

O alcalde de Sada especifica ao respecto que, a diferenza das estatuas do Mestre Mateo, que xa teñen expresamente a protección BIC desde o 2019, non acontece o mesmo cos restantes bens mobles ubicados no Pazo, o cal non impide nin debe impedir a adopción daquelas medidas que supoñan evitar un despoxo ou traslado de determinados bens mobles e que teñen unha indudable referencia histórica e cultural.  

“Un BIC como sitio histórico non é só uns inmobles senón tamén deben selo todos aqueles bens mobles que configuran e determinan esa categoría e que lle dan contido e referencia histórica. O BIC do Pazo como lugar histórico non se entende sen a permanencia dos bens asociados á memoria de Pardo Bazán, como a biblioteca de Pardo Bazán ou aqueloutros como o retablo, pergamiños, tapices, etc., que se mencionan no propio Decreto BIC”, declara Benito Portela. 

É por isto polo que é urxente e procedente a incoación de modificación do devandito Decreto, que unha vez aprobado e publicado xa lle outorgaría aos ditos bens, debidamente individualizados, a tutela BIC, o que impediría o seu traslado polos Franco. 

E quen ostenta a tutela principal é a Xunta, que, con independencia das medidas que poida adoptar o Xulgado,  conta coas competencias e atribucións legais para que determinados bens mobles do Pazo poidan quedar salvagardados e protexidos de traslados. 

“Hai que impedir coas medidas administrativas e xudiciais que sexan precisas que os Franco se leven do Pazo os bens que lle dan sentido e contido á categoría BIC, evitando a degradación e desvalorización do patrimonio cultural”, afirma o alcalde de Sada. 

Por último, o Concello de Sada apoiará en vía xudicial todas as medidas cautelares que solicite a Avogacía do Estado ante o Xulgado, e prestará todo o apoio e colaboración institucional a todas as accións tendentes á salvagarda e protección do conxunto patrimonial do sitio histórico do Pazo de Meirás. 

Arquivado en