-O alcalde de Sada demanda do goberno do Estado o exercicio inmediato de accións xudiciais para reverter o Pazo ao patrimonio público.
-Exhumar a Franco do Valle de los Caídos e rematar coa vergoña da detentación do Pazo polos seus herdeiros, o mesmo obxectivo común de rematar cun anacronismo histórico.
Sada, 19 de xuño de 2018
Por medio dunha carta remitida no día de hoxe ao Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, o alcalde de Sada trasladoulle por unha banda a preocupación existente na sociedade galega sobre a continuidade na detentación polos herdeiros do ditador Francisco Franco da propiedade do Pazo de Meirás e por outra a necesidade de que dita situación remate a través do exercicio das accións administrativas e xudiciais-civís reivindicatorias que procedan para a incorporación do Pazo ao Patrimonio público, dado que consta acreditado a nulidade radical do título de propiedade e posesión por Franco e os seus causahabientes do devandito inmoble, cualificado desde 2008 como BIC (Ben de Interese Cultural).
Na carta remitida o goberno de Sada recordarlle a Pedro Sánchez que no actual marco aberto polo Goberno do Estado en canto á aplicación e no seu caso modificación da Lei de Memoria Histórica, no relativo ao Valle de los Caídos, é o momento oportuno para poñer tamén fin á vergoña e ao anacronismo histórico de que a familia do ditador siga detentando a propiedade do Pazo de Meirás.
Esta medida encadrase dentro das diferentes iniciativas promovidas polo Concello de Sada para achar apoios institucionais encamiñadas a recuperar o Pazo de Meirás para a titularidade e usos públicos coa debida reparación e recoñecemento ás vítimas da represión.