“A miña intención é reiniciar, o máis axiña posible, este asunto de vital importancia para o noso pobo e, deste xeito, avanzarmos nun proxecto pioneiro en Galicia e, sen dúbida, transformador para a nosa vila” subliña Benito Portela na misiva enviada onte.
Tal e como advertira Benito Portela o primero día de traballo do alcalde de Sada enviou unha carta á Directora Xeral de Augas de Galicia (Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia), Teresa Mª Gutiérrez López, para retomar o proxecto do río Maior que minimice o impacto das inundacións en Sada.
“Sen tempo algún que perder, quero que sexas coñecedora do feito de que redacto esta carta co desexo de afrontar, de xeito inmediato, os retos estratéxicos aos que se enfronta o noso concello e, entre eles, atópase o referido á minoración de riscos de inundación na zona” referíndose á zona da Lagoa e Cantalarrana.
Portela lembralle na misiva á Directora Xeral que “tanto a Consellaría como o Concello, adquiriramos unha serie de compromisos como consecuencia da subscrición do convenio de colaboración destinado á redacción e financiamento do proxecto a executar na canle do río Maior de Sada, acordo encamiñado a lle pór solución á problemática xerada por dito río no tramo final da súa desembocadura no centro da nosa vila”. E destaca que a redacción do proxecto para a mellora do funcionamento hidráulico do río Maior recolle como solución máis axeitada “a apertura e re-naturalización do tramo urbano de dito río, solución que mesmo aparece recollida no “Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (Ciclo 2021/2027)”
O alcalde de Sada incide na intención do seu goberno “de reiniciar, o máis axiña posible, este asunto de vital importancia para o noso pobo e, deste xeito, avanzarmos nun proxecto pioneiro en Galicia e, sen dúbida, transformador para a nosa vila”
Por todo o indicado solicítalle a Teresa Mª Gutiérrez López unha entrevista persoal “coa que poidamos retomar este proxecto innovador, necesario e ilusionante, para o cal fico á túa enteira disposición, dándoche as grazas de antemán, e agardando que a demanda, que agora reitero de novo e de cuxa necesidade e urxencia coñeces, se vexa materializada o máis axiña posible”