O Concello de Sada e COGAMI organizan o próximo 29 de novembro ás 18 horas na Capela de San Roque unha xornada de sensibilización na que se ofrecerá ás familias información sobre os beneficios da atención temperá.
Esta charla, recollida dentro das accións comprometidas na Xestión do Servizo de Atención Temperá, vaise desenvolver na Capela San Roque do Concello de Sada, o vindeiro mércores, 29 de novembro ás 18 horas, estando dirixida principalmente a nais e pais que teñen fillas ou fillos en idades comprendidas de 0 a 6 anos.
A primeira intervención das xornada será a da directora do centro de atención temperá municipal, Ana Ledo Carballo, psicóloga e coordinadora do Servizo que informará sobre o importante que é para as nenas e nenos de 0 a 6 anos contar cun desenvolvemento equilibrado.
A continuación, intervirá Iago Pérez Santalla, profesor universitario da Escola de Relacións Laborais de A Coruña, educador social,doutor en Humanidades e Servizos Culturais, autor dunha tese doutoral sobre A Teoría do Límite, cualificada de sobresaliente cum laude que desencadeou na publicación dedous dos libros de Pérez Santalla que desenvolven esta teoría, o primeiro O Límite do potencial humanoe o segundo, Límites de pensarte libre. Nesta intervención, Santalla fará unha sesión motivacional sobre o ilímite do potencial humano, e aportará a súa propia experiencia persoal e vital nesta ponencia, ao ser unha persoa cunha gran discapacidade ao nacer con parálise cerebral.
O servizo de atención temperá do Concello de Sada, subvencionado pola Xunta de Galicia no marco da Rede Galega de Atención Temperá e cofinanciada parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, contempla un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, familia e contorna, para dar resposta ás necesidades que presentan e facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social. En todo este proceso, teñen en consideración á familia e á súa contorna de interacción que poden e deben potenciar, para coñecer a realidade, capacidades e limitacións do ou da menor.