Algo máis da metade do orzamentado irá destinado á reurbanización da rúa Camiño de Ferrer, no barrio de Fontán. O resto do importe repártese entre as parroquias de Carnoedo, Meirás, Osedo, Soñeiro, Mosteirón e Sada
O goberno de Benito Portela continuou detallando no día de hoxe algúns dos investimentos ós que o executivo local adicará parte do remanente de tesoureiría. De contar coa aprobación dos grupos da corporación no pleno da vindeira semana, o Concello poderá executar diversos investimentos estimados en preto de 2’9 millóns de euros. Tal e como xa se explicou, segundo a liquidación do pasado exercicio de 2023, o remanente ascende a 4’8 millóns de euros.
Un dos principais investimentos proxectados polo equipo de goberno irá adicado á humanización da rúa Camiño de Ferrer, que conecta a Avenida Rosalía de Castro (estrada AC-163) co núcleo do barrio de Fontán. O investimento previsto nesta actuación ascende a 340.000€. A rúa renovarase por completo co obxectivo de mellorar canalizacións de pluviais e saneamento e a substitución do alumeado público. Renovaranse as beirarrúas e, aproveitando a execución desta obra, mellorarase tamén unha zona verde desta rúa co obxectivo de crear un pequeno parque para a veciñanza da zona.
Ademais da urbanización desta rúa, a Concellería de Obras e Servizos que dirixe o concelleiro Fernando Fariña tamén contempla investimentos de 59.000€ para traballos de mantemento e reparación dos viarios urbanos na rúa Betanzos e na prolongación da Avenida Posse
MELLORAS NAS PARROQUIAS
Outra das prioridades do executivo local pasa pola mellora paulatina de camiños e vías en todas as parroquias do Concello. Co obxectivo de continuar o traballo realizado ata o de agora, a Concellería de Obras e Servizos estima un investimento de preto de 200.000€ con cargo ó remanente.
Os camiños propostos para realizar as melloras atópanse en Vilar, Seixeda, O Castro, os Cabildos, Fontecorneira e Agra-Taibo. Tamén serán executadas melloras na Urb. Fortiñón e nun vial no Polígono Espírito Santo.
Por outra banda, estes días están a executarse traballos en Carnoedo, na contorna da igrexa e do cemiterio (foto), así como en Meirás, en Pé do Muíño. Estes traballos súmanse ós xa realizados no que vai de ano en Cacharrete (Mosteirón), Samoedo e Mandín (Soñeiro).