O Concello de Sada adxudica as obras de pavimentación do aparcadoiro da Av. da Mariña (zona autobuses) e a execución de dúas escolleras de protección de canles nos regatos de Seixeda e Fontoira.
Os traballos de pavimentación do aparcadoiro da Avda. da Mariña adxudicáronse na cantidade de 28.072,00 euros e os de protección das canles dos regatos de Seixeda e Fontoira en 19.034,76 euros.
Sada, 21 xaneiro 2021.
O Concello de Sada ven de adxudicar por un importe de 28.072,00 euros, as obras de pavimentación do aparcadoiro existente na Av. Da Mariña, actualmente empregado polos autobuses que operan en Sada, e os traballos de execución de dúas escolleras de protección de canles nos lugares do Tarabelo e Seixeda polo importe de 19.034,76 euros.
As obras de acondicionamento do aparcadoiro darán solución ao mal estado no que se atopa na actualidade o entorno e para ilo procederase á retirada do pavimento en mal estado, á canalización das augas pluviais e á pavimentación con aglomerado asfáltico en quente para o que se proxecta unha primeira capa de regularización e formación de pendentes e unha segunda de rodadura. Para rematar procederase ao pintado da sinalización horizontal na superficie do aparcadoiro e á instalación da sinalización vertical precisa.
No referido ás escolleras, o Concello de Sada informa de que nos regatos de Seixeda e Fontoira tense producido un efecto “desmonte” nunha das marxes dos mesmos o cal, debido aos trazados das canles e ao caudais que en ocasións se acadan naqueles, produciu o socavón dun tramo da ribeira que pode chegar a afectar a infraestruturas municipais.
Desta maneira a solución que se aporta é a da execución de sendas escolleras revexetadas, sen formigonar, por medio da introdución de estacas entre os intersticios dos bloques de pedra, previo depósito de terra vexetal entre os buratos existentes entre aqueles. Esta estrutura mixta outorgaralle ao valado unha maior estabilidade estrutural e unha mellor integración no entorno, acadando así unha menor afectación ao medio natural.