O Concello de Sada, Afundación e Lunwerg Editores inauguran a mostra a pé de rúa «Vivir o mar»

28 / AGO / 2020

O Concello de Sada, Afundación e Lunwerg Editores inauguran a mostra a pé de rúa «Vivir o mar»

Ata o 13 de setembro permanecerán instalados os 35 paneis que a conforman na praza Suárez Picallo convidando a gozar da cultura nos espazos ao aire libre

«Vivir o mar» reflicte o compromiso da Obra Social de ABANCA coa difusión do respecto ao medio ambiente e a promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Sada, 28 agosto 2020.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, Lunwerg Editores e o Concello de Sada inauguraron esta mañá a exposición de imaxes do recoñecido fotógrafo PhilippePlissos, «Vivir o mar». Poderase visitar ata o vindeiro 13 de setembro a pé de rúa na praza Suárez Picallo, trasladando así a cultura aos espazos abertos.

«Vivir o mar» componse dalgunhas das pezas máis icónicas asinadas por Plisson nas que se recollen imaxes mariñas de todas as latitudes. Esta homenaxe ao medio mariño, e a todas aquelas persoas cuxo medio de vida depende del, ilustra tamén o compromiso da Obra Social de ABANCA coa promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto, o 14 (Vida submarina), o 13 (Acción polo clima) e o 4 (Educación de calidade).

A MOSTRA «VIVIR O MAR»

A mostra de fotografías de PhilippePlisson componse de 35 paneis, entre imaxes e texto, articulados en 7 seccións: As 1000 caras do mar, Acariñando a terra, Construíndo o mar, A conquista do mar, Desafiando ao mar, Gardiáns do mar e A batalla perdida. As emblemáticas fotografías de Plisson son o resultado de vinte e cinco anos de traballo en cincuenta países diferentes. A forza e a beleza das instantáneas axudan a sensibilizar e a visibilizar sobre o estado dos mares e océanos e invitan a adquirir un compromiso coa conservación do medio mariño, orixe e sustento da vida no noso planeta. Da súa vitalidade e conservación depende o mantemento de todo canto existe no mundo.

Con esta exposición, Afundación Obra Social ABANCA sae á rúa compartindo espazos de lecer, de paseo, e enriquecendo os momentos de encontro nos espazos públicos cunha achega cultural de primeira orde que reúne mensaxe, beleza, transcendencia e emoción.

Esta exposición está enmarcada dentro da campaña #ComprométomeA, na que se combinan moi diversas iniciativas de marcado carácter ambiental, cultural e formativo. Así, desde a mostra virtual «O mar nas coleccións de arte ABANCA e Afundación» ata a produción de audiovisuais, conferencias ou talleres educativos escolares, a Obra Social de ABANCA promove a concienciación sobre a importancia dos océanos nas nosas vidas e a necesidade de adquirir compromisos concretos con respecto ao mar e aos océanos, e ao medio ambiente na súa totalidade. 

Arquivado en