O CONCELLO DE SADA CELEBRA A DECLARACIÓN COMO BEN DE INTERESE CULTURAL (BIC) DA BIBLIOTECA DE EMILIA PARDO BAZÁN

29 / ENE / 2022

O CONCELLO DE SADA CELEBRA A DECLARACIÓN COMO BEN DE INTERESE CULTURAL (BIC) DA BIBLIOTECA DE EMILIA PARDO BAZÁN

O Concello de Sada destaca a importancia e orixinalidade da colección integrada por un total de 10.855 exemplares e fai fincapé na necesidade de que a mesma fixe a súa sede no Pazo de Meirás tamén declarado BIC coa categoría de sitio histórico no ano 2008. Ao mesmo tempo, dende o concello, advírtese de que segue sen haber novidades respecto da ampliación do Decreto BIC do Pazo. Unha pasividade da Xunta, administración competente para elo, que esixe unha rápida actuación, dado que os bens mobles do Pazo seguen en perigo, e a modificación BIC debe incoarse á maior brevidade posible.

O Concello de Sada aplaude a aprobación, por parte do Consello da Xunta en sesión  celebrada o pasado día 27, do decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC) a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Desde o Concello de Sada quérese destacar o especial valor da colección como un patrimonio material de inmenso valor que contribúe ao enriquecemento cultural de Galicia. Asemade, subliña o feito de que esta declaración é un recoñecemento que outorga á colección un réxime de máxima protección e tutela, xa que as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre este tipo de bens están obrigadas, entre outras cuestións, á conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Non obstante, apercibe, segue sen haber novidades respecto da ampliación do Decreto BIC do Pazo. Unha pasividade da Xunta, administración competente para elo, que esixe unha rápida actuación, dado que os bens mobles do Pazo seguen en perigo, e a modificación BIC debe incoarse á maior brevidade posible.

A biblioteca, integrada por 10.855  volúmenes, está conformada por exemplares de historia, filosofía, socioloxía, guías de viaxe e unha importante representación da prensa da época da escritora, sendo, a grande maioría, primeiras edicións, e, moitos deles, manuscritos dedicados polos seus autores a Pardo Bazán; amais, a existencia de subliñados e anotacións nas marxes coa letra da autora e outros elementos como ex libris e dedicatorias personalizadas convérteos en únicos. A colección inclúe literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX e unha boa representación da literatura galega.

Arquivado en