O PAZO DE MEIRÁS, UNHA VEZ ENTREGADO O DÍA 10 DE DECEMBRO, DEBE ABRIR AS PORTAS COA MAIOR BREVIDADE POSIBLE
O Concello de Sada acudirá á xuntanza do día 9, convocada polo goberno do Estado, coa disposición de asumir a xestión conveniada de apertura e visitas.
Sada, 4 decembro 2020
A memoria histórica e democrática, a vida e obra de Pardo Bazán, así como outros usos dotacionais públicos, deben ser os usos do Pazo.
O alcalde de Sada, Benito Portela, expresou no día de hoxe a súa gran satisfacción tanto polo Auto do Xulgado polo que se mantén a data de entrega do Pazo para o día 10 de decembro, como pola decisión do goberno do Estado de convocar unha xuntanza das distintas Administracións para acordar o destino e os usos do Pazo.
“Hai días o Concello de Sada pediu por carta, tanto ao goberno do Estado como ás outras administracións (Xunta e Deputación) a necesidade dun acordo conveniado para a xestión e réxime do Pazo. O goberno do Estado atende agora a dita petición, e estou seguro de que, coa maior brevidade posible, o Pazo de Meirás abrirá as súas portas á cidadanía”, declara o alcalde de Sada.
Na dita xuntanza, e tal e como xa se lle avanzou por carta ao goberno do Estado, o Concello de Sada está disposto a asumir a xestión conveniada da apertura e visitas do Pazo, como leva reivindicando desde hai anos. Unhas visitas nas que, ademais do propio inmoble, se dea a coñecer e explicar o propio proceso de detención por Franco da devandita propiedade.
“O Pazo de Meirás, como sitio histórico, debe ser un lugar de memoria histórica democrática, do que foi o franquismo e a historia do propio Pazo, así como da referencia de Pardo Bazán, da súa vida e obra, e doutros usos dotacionais públicos que se poidan acordar”, sinala Benito Portela.
Por outra banda, e en relación co Auto do Xulgado coñecido hoxe, o alcalde de Sada amosa a súa satisfacción de que na parte resolutiva do Auto se considere o Pazo de Meirás como unha “unidade” de continente (inmobles) e contido (bens mobles), e que estes, en xeral, queden asociados á significación del Pazo como Ben de Interese Cultural, tal como sempre defendeu o Concello de Sada.