A empresa Calfensa Proyectos iniciou a mediados de mes as obras, que foran adxudicadas por un importe de 471.000 euros. Os traballos teñen un prazo de execución de once semanas, polo que o seu remate está previsto antes de que remate este ano 2024.
Hai uns días comezaron as obras do campo de fútbol de Carnoedo nas que está previsto un investimento de algo máis de 470.000 euros, polo que Sada contará en decembro de este ano cunha renovada instalación municipal para a practica deportiva.
Estas obras teñen como obxectivo a mellora das instalacións ó acometerse unha renovación completa do campo de fútbol, que pasará a contar con céspede artificial de última xeración, así como a instalación dun novo sistema de rego e un peche perimetral. A construción deste terreo de xogo permitirá que sexa apto para a práctica de Fútbol 11 e Fútbol 8. O Campo de Fútbol 11 terá unhas dimensións de 102x60 m, acorde coas normas NIDE.
Ademáis executarase unha rede perimetral de saneamento e de recollida de pluviais. A rede de rega no campo de fútbol está composta por 6 aspersores emerxentes comandados por un programador e un depósito cilíndrico de 15.000 litros. Finalmente realizarase a adaptación ambiental e paisaxística do recinto deportivo coa realización de soleiras perimetrais, cerramento con rede parabalóns e pintado do muro de formigón perimetral ao terreo de xogo.
“Dende o goberno local traballamos para que Sada conte cunhas instalacións deportivas acordes ás necesidades dos seus clubs. Atender esta demanda histórica era un compromiso no que traballamos no pasado mandato e que agora estamos facendo realidade”, remarcou a concelleira de Deportes, Rebeca Mouriño.