A adquisición destas cámaras farase con cargo ó remanente de tesoureiría. A Concellería de Seguridade Cidadá tamén mellorará os medios materias para os servizos de emerxencias coa adquisición dun novo furgón motobomba
O Concello de Sada contará este ano cun circuíto de cámaras de vixilancia que permitirán controlar o tráfico rodado no casco urbano. Estas cámaras non só servirán para a vixilancia do estado do tráfico, senón que estarán habilitadas tamén para a lectura de matrículas daqueles vehículos que cometan algún tipo de infracción. A instalación das mesmas será sufragada con cargo ó remanente que se debaterá no pleno desta semana.
O departamento de Seguridade Cidadá complementa deste xeito as medidas adoptadas ó longo destes anos para lograr unha minoración dos accidentes de tráfico, especialmente os atropelos. Previamente reduciuse a velocidade no casco urbano a 30Km/h e, posteriormente, instaláronse pasos elevados nalgunhas zonas do municipio, medida que será trasladada a máis vías no futuro.
A instalación destas cámaras tamén permitirá á Policía Local contar con mellores medios para realizar o seu traballo. Por outra banda, a concellería que dirixe Pilar Taibo tamén impulsará con cargo ó remanente a reforma integral da Xefatura de Policía con dotación para adecuar as instalacións municipais a un servizo público de calidade. Está previsto un investimento de 200.000€.
Co obxectivo tamén de mellorar a dotación do Servizo Municipal de Emerxencias está contemplada a adquisición dun furgón-motobomba lixeira por un importe de 170.000€. A intención do departamento de Seguridade Cidadá e mellorar a dotación de medios existentes para poder atender ás emerxencias que poidan xurdir no casco urbano ou parroquias e que polas dificultades de acceso requiran do emprego deste vehículo.