Estes investimentos en infraestruturas educativas súmanse ós 135.000€ xa anunciados coa aprobación dos orzamentos. Tamén serán arranxadas outras instalacións municipais como a Capela de San Roque ou a Casa da Cultura
Conscientes da necesidade de continuar mellorando os servizos e infraestruturas educativas do municipio, o goberno local propón empregar parte do remanente de tesoureiría para financiar unha serie de actuacións prioritarias. Entre os proxectos inclúese a reparación e modernización das pistas polideportivas do CEIP Pedro Barrié de la Maza de Mondego, cun importe de 70.000 euros.
Ademais, destinaranse 80.000 euros para melloras na Escola Infantil, abarcando traballos que van dende a reparación da cuberta, a mantemento e acondicionamento dos espazos interiores.
A Casa da Cultura tamén será obxecto de melloras, cun investimento de 40.000 euros destinados á limpeza e reparación de fachadas e cuberta. En canto á Capela de San Roque, levarase a cabo a reparación da fachada para combater as fendas existentes e manter así un emblema do municipio, cun proxecto valorado en 47.000 euros.