-O TSXG desestima o recurso da promotora e confirma a inexistencia de responsabilidade patrimonial municipal.
Sada, 7 abril 2017.
No dia de onte foille notificada ao Concello de Sada a sentencia 187/2017 de 5 de abril pola que se desestima o recurso de apelación da promotora confirmando a sentencia que en xuño de 2016 ditara o Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de A Coruña. Consecuencia delo é que o concello non terá que abonar a reclamación millonaria que pedía a promotora dunha urbanización de 24 chalés en Meirás, e cuxa licenza de obras fora anulada definitivamente no 2012.
A promotora reclamaba uns 6 millóns de euros, desglosados en 433.153 euros de indemnización polos resultados negativos da promoción (diferenza entre o custo de construción e as vendas efectuadas); outros 322.058 euros polos gastos despois das vendas; 32.381 euros polo incremento de custos; 2.591.228 euros polo lucro cesante (perda de beneficios); 621.909 euros polo custo de oportunidade; e 35.587 euros polos intereses que a empresa pagaba por un crédito hipotecario para facer a promoción. Ademais de intereses xudiciais dende a data da sentencia, aplicados sobre a cantidade de 2.591.228,50 euros até seu efectivo pago.
A reclamación da promotora fundamentábase na previa anulación xudicial da licenza de obras outorgada á mesma no 2005, para unha urbanización dun total de 24 vivendas (4 bloques de 6 chales adosados) en solo de núcleo rural de Meirás. Licenza que fora recorrida no seu momento tanto polo BNG como pola Xunta de Galicia, e que tanto o Xulgado en primeira instancia (sentenza de 04/05/2011) como o TSXG (sentenza de 27/12/2012) declararon nula, por infracción clara da normativa urbanística de aplicación.
O goberno municipal de Sada amosa súa satisfacción por esta resolución do TSXG que confirma a responsabilidade da promotora xa que a actuación da mesma foi, segundo a sentencia, a sabendas dos riscos nos que incorría ao elaborar e presentar un proxecto que non se adecuaba á natureza e a clasificación do solo de núcleo rural no que se edificou.