Para a apertura da piscina o Concello trasladou a Sargadelos o compromiso para executar unha serie de melloras, así como a asunción do mantemento e gastos derivados do seu uso. O goberno local amosou a Sargadelos o seu firme compromiso para que o importante patrimonio artístico e cultural que atesoura o Museo Carlos Maside sexa accesible á cidadanía, propoñendo un convenio dotado con 15.000 euros para ampliar o horario de visitas
O Concello de Sada ven de propoñer a Sargadelos un novo convenio para continuar colaborando, como en anos anteriores, na apertura da piscina do Castro, coñecida como Pia do Loureiro, e propiedade do grupo cerámico. A intención do executivo sadense é que esta infraestrutura icónica poida abrirse para desfrute da veciñanza nos meses centrais do verán, tal e como ven acontecendo dende 2016, coa excepción dos anos da pandemia.
O convenio que o Concello trasladou á propiedade de Sargadelos amosa o compromiso do Goberno local para levar a cabo aquelas melloras que fosen necesarias para a súa apertura. Así mesmo, o Concello amosou o seu interese nun terreo lindeiro á piscina para adaptalo como aparcadoiro para os usuarios que se acheguen a desfrutar a infraestrutura acuática. Ademais destes investimentos e dos gastos de mantemento derivados do seu uso, o Concello de Sada asumiría os gastos derivados da contratación do servizo de socorrismo.
Por outra banda, o Concello propuxo a Sargadelos a sinatura doutro convenio, con respaldo económico xa orzamentado en 15.000€, que posibilite a apertura por un período de tempo máis prolongado do Museo Sargadelos Carlos Maside. Sargadelos abriu de novo as portas deste museo en xullo do pasado ano e a intención do goberno local é apoiar economicamente a mellora da súa oferta cultural coa ampliación dos horarios e dos días que permaneza aberto ó público.
A proposta que trasladou o Concello de Sada a Sargadelos tamén busca que os escolares, especialmente os de Sada, teñan acceso a unha pinacoteca de referencia en Galicia e tamén ós coñecidos obradoiros de cerámica. Este museo é único, nas súas formas e no seu contido, polo que achegalo á cidadanía é unha obriga para calquera administración pública