O Concello solicita incorporar ao Decreto 299/2008 tanto unha relación detallada de bens mobles como un réxime transitorio de usos, axustado a un uso dotacional público.
A competencia é plena e exclusiva da Xunta, tal e como recoñece o propio Estado.
“A batalla xudicial continuará, e estamos seguros que favorable aos intereses públicos, pero a modificación do Decreto BIC daría seguridade xurídica para evitar o despoxo dos bens mobles pretendido polos Franco. A Xunta debe actuar de inmediato ”, declara Benito Portela.
Sada, 12 de maio de 2021
O alcalde de Sada, en representación do Concello de Sada, presentou hoxe formalmente ante a Consellería de Cultura un escrito de solicitude para a modificación do Decreto BIC do Pazo de Meirás do 2008.
No dito escrito xustifícase a necesidade e procedencia de tal modificación cun duplo obxectivo. Por unha banda, a incorporación dunha relación detallada de bens mobles asociados á categoría de sitio histórico; pola outra, o estabelecemento dun réxime transitorio de usos do inmoble, dado o pretendido destino dotacional público do mesmo, e ata a aprobación e entrada en vigor do plan especial de protección, ao que remite tanto o PXOM de Sada como a Lei de patrimonio cultural de Galicia.
Na solicitude o Concello de Sada lembra anteriores escritos dirixidos polo alcalde ao conselleiro de Cultura (os mais recentes, de 30 de abril e 10 de maio), así como acordos plenarios como o do pasado 29 de abril, e nos que en ambos casos se instaba á Xunta a modificar, e con urxencia, o Decreto 299/2008, de declaración BIC, para incorporar ao mesmo un anexo de inventario e relación detallada de bens que pola significancia deberían necesariamente quedar asociados á categoría de sitio histórico.
Unha modificación BIC que otorgaría, xa desde o momento da súa incoación e publicación no DOG, a tutela e protección a ditos bens mobles, o que evitaría o despoxo e baleiro material do Pazo que pretenden os herdeiros do ditador.
O alcalde de Sada lembra ao respecto que a interposición de incidentes de execución (polo Concello de Sada e polo Estado) e de recursos de reposición por todas as administracións supuxo de momento a suspensión da retirada dos bens, pero a pendencia de resolución xudicial non debe impedir que a Xunta acorde a modificación BIC, para dar maior seguridade xurídica de futuro e porque, ao cabo, é o que procede de acordo coa propia lei de patrimonio cultural de Galicia.
Na solicitude presentada hoxe, o alcalde de Sada precisa, mais unha vez, o que con insistencia leva reiterando, “É a Xunta quen ostenta a plena e exclusiva competencia para tal modificación BIC. Non é que diga o Concello de Sada, é tamén o parecer do Estado, da avogacía do Estado, da xurisprudencia e da doctrina”, declarou Benito Portela.
“Resulta especialmente inaudito que sexa a Xunta de Galicia quen non quere exercer unha competencia autonómica exclusiva que o propio Estado recoñece como tal. Que maior seguridade xurídica precisa a Xunta se é o propio estado e súa asesoría xurídica quen expresamente informan que a competencia é da Xunta?. O enguedelle competencial so beneficia aos Franco”, conclúe o alcalde de Sada.