- Na xunta mantida no edificio do Concello do Porto de Sada, tratáronse temas relacionados directamente co presente e futuro do comercio e hostalaría sadenses e recibíronse achegas desde a Asociación de Consumidores que preside Rosa Gómez.
-“Seguiremos convocando, sinalou Liss Becerra concelleiro de Promoción Económica, esta Mesa de Comercio periodicamente pois a consideramos fundamental como medio de interlocución continua cos representantes do tecido comercial de Sada polo que lamentamos a ausencia da Asociación de Empresarios nesta ocasión e consideramos que non debería estar ausente pois a realidade da vila compételles tanto ou máis que a nós. Estamos convencidos de que volverán a ela”
Sada, 26 xuño 2016.
O concelleiro de Emprego, Francisco Montouto e o de Comercio, Liss Becerra, reuníronse na Mesa de Comercio con representantes do tecido asociativo do sector para dar a coñecer iniciativas que está a pór en práctica o Goberno Local.
Ademais presentáronselles as próximas celebracións de senllos eventos sobre agricultura ecolóxica e comercio local así como cuestións relativas ao plan de emprego que prepara o departamento de Montouto.
Na xunta mantida tratáronse temas relacionados directamente co presente e futuro do comercio e hostalaría sadenses e recibíronse achegas desde a Asociación de Consumidores que preside Rosa Gómez.
O Concelleiro de Emprego, Fran Montouto, sinalou que en materia de emprego é sempre interesante colaborar con todas as asociacións presentes na vila como se está facendo actualmente e lamentou que non estivesen presentes os representantes da Asociación de Empresarios de Sada.
Suárez Becerra indicou que a Mesa Local de Comercio é a canle de comunicación dos diversos actores da Economía Social e do Emprego, e ten por obxecto o labor de levar a cabo actuacións cos empresarios, existindo contactos previamente con eles. “Cando formamos goberno comprometémonos/comprometémosnos a facelo e actuamos en consecuencia porque cremos neste instrumento que xa foi convocado en dúas ocasións baixo o noso mandato e que hai que seguir recuperando despois de que o goberno do señor Anido só a convocou unha vez en catro anos”
Suárez Becerra subliña que agora “é preciso recuperar os motores económicos, comprar nos comercios de Sada, investir en Sada”. Para axudar a conseguilo poranse en funcionamento ferramentas como a nova APP de Turismo, Comercio e Hostalaría nos dispositivos móbiles (tablets, móbiles e portátiles) na que xa figuran máis de 80 empresas de Sada. Trátase da primeira aplicación aberta a ter outros contidos complementarios dos que xa figuran na páxina web do Concello, na web de Turismo e nas dos propios comercios.
“O presente e o futuro do comercio local dependen de todas e todos nós, dos sadenses en gran medida. Somos quen debemos defender, promover e promocionar o noso e defendelo fóra das fronteiras da nosa vila. Debemos consumir aquí porque sen iso, carece de sentido calquera iniciativa”
En relación coas convocatorias da Mesa, o concelleiro destacou que “seguirase convocando esta Mesa de Comercio periodicamente pois a consideramos fundamental como medio de interlocución continua cos representantes do tecido comercial de Sada polo que lamentamos a ausencia da Asociación de Empresarios nesta ocasión e consideramos que non debería estar ausente pois a realidade da vila compételles tanto ou máis que a nós. Estamos convencidos de que volverán a ela”.