O GOBERNO CENTRAL ESTUDARÁ O PROXECTO DE RENATURALIZACIÓN DO RÍO MAIOR

12 / DEC / 2023

O GOBERNO CENTRAL ESTUDARÁ O PROXECTO DE RENATURALIZACIÓN DO RÍO MAIOR

O delegado do goberno, Pedro Blanco, comprométese co alcalde de Sada a trasladar ao Ministerio o proxecto para reducir o risco de inundación no casco urbano de Sada que conta co respaldo da Xunta de Galicia e o compromiso da Deputación da Coruña.

DECLARACIÓNS DO ALCALDE DE SADA

 

O alcalde de Sada, Benito Portela, mantivo onte unha reunión co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, na que o rexedor trasladou os detalles do proxecto de melloras estruturais para a redución do risco de inundación dos ríos Maior e Fontoira ao paso polo casco urbano de Sada. Ao encontro tamén asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o concelleiro de Obras e Medio Ambiente de Sada, Fernando Fariña.

Portela amosou a súa satisfacción ao remate do mesmo, xa que Pedro Blanco comprometeuse a trasladar este proxecto ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto demográfico para estudar as diferentes actuacións de protección fronte a episodios de inundacións no municipio. O rexedor sadense trasladou ó Delegado “a necesidade perentoria de executar esta obra para evitar inundacións como as vividas en invernos pasados”. Estas inundación supuxeron o desembolso de máis de dous millóns de euros públicos en indemnizacións aos afectados.

O proxecto está finalizando a fase de supervisión técnica por parte de Augas de Galicia e o seu orzamento de execución calcúlase en algo máis de 6 millóns de euros. Ten como obxectivo diminuír o risco de inundación aumentando a capacidade hidráulica do río ao tempo que se recuperan as condicións ambientais dos leitos. A través de varias accións, mellorarase a calidade ambiental das contornas fluviais ata o máximo posible dos ríos Maior e Fontoira como hábitats naturais. Ademais, preténdese realizar unha restauración fluvial que recupere os ríos e poña en valor a presenza destes leitos na vida e na historia do municipio.

“Estamos ante unha oportunidade única, xa que Sada pode converterse nun concello pioneiro na recuperación dun espazo natural urbanizado. Pioneiros xa non só en Galicia, senón en España” asegurou o rexedor. “Actualmente contamos co compromiso da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para investir neste proxecto. Agradecemos á Delegación do Goberno a súa boa predisposición para que a obra a executar poida contar co apoio do Goberno central” engadiu Portela.

Arquivado en