O goberno de Sada quere transmitir o seu pesar polo pasamento de Manuel Couzo, Fillo Predilecto do noso Concello

12 / SEP / 2016

O goberno de Sada quere transmitir o seu pesar polo pasamento de Manuel Couzo, Fillo Predilecto do noso Concello

"Aínda que lonxe de nós e da súa terra, o Concello de Sada, co alcalde Benito Portela á cabeza, quere mostrar as súas condolencias pola perda de alguén tan querido para a colectividade sadense e galega na Arxentina. Sirvan estas palabras para lembrar aos que como Manuel Couzo tanto traballaron lonxe de Sada polos veciños e veciñas emigrados a través das asociacións como o Centro "Sada e Contornos" en Buenos Aires. As nosas condolencias e o noso máis sentido pésame”. Con estas palabras o Concello de Sada mostraba as súas condolencias o pasado sábado pola morte de Manuel Couzo Bermúdez anunciado desde a Arxentina.

Sada 12  setembro 2016.

Manuel Couzo Bermúdez, nacido en Sada no ano 1933, emigrou a Buenos Aires con 17 anos, despois de traballar como mariñeiro na súa localidade natal. En Arxentina trataría a ilustres sadenses como Ramón Suárez Picallo e Ricardo Flores, e sería un dos principais aglutinadores dos seus conveciños residentes na urbe porteña. Así, no ano 1974 funda o C. E. Sada e Contornos, do que exercerá a presidencia ao longo de 22 anos.

Couzo participou no ano 2008 no traslado dos restos de Ramón Suárez Picallo desde o cemiterio da Chacarita até o do Fiunchedo, acompañando ao alcalde Abel López na súa viaxe até Sada. Logo, aproveitou para facer entrega ao Concello dunha serie de vinilos con gravacións inéditas de discursos de Ramón, gardadas durante décadas no local social do C. E. Sada e Contornos.

Foi Couzo unha figura relevante da nosa diáspora, un home bo que traballou arreo por Sada e polos seus veciños desde a distancia.

O Goberno de Sada quere recoñecer, máis unha vez, a súa traxectoria e trasladar o común sentimento de pesar pola súa perda á súa familia, achegados e amigos do C. E. Sada e Contornos.

 

Arquivado en