Onte pola tarde celebrouse Pleno Extraordinario no que o executivo de Benito Portela fixo repaso da situación da seguridade cidadá no municipio, así como dos recursos existentes para o seu mantemento e os reforzos previstos para mellorar o servizo. O vindeiro luns 4 de decembro convocarase Xunta Local de Seguridade na que abordar coa Subdelegación do Goberno asuntos da súa competencia vinculados coa seguridade no noso municipio
“Sada é unha vila segura”, así comezou a súa intervención no pleno extraordinario desta tarde o alcalde, Benito Portela, logo de que a concelleira de Seguridade Cidadá, Pilar Taibo, fixera repaso da situación do servizo. Na actualidade o concello conta con vinte prazas no cadro de persoal das que seis están vacantes. Dos axentes en activo, tres están adscritos a servizos administrativos e urbanismo e outros catro están actualmente de baixa.
Ao longo destes anos, os distintos gobernos presididos por Benito Portela iniciaron nove procesos selectivos para poder ampliar a plantilla da Policía Local. No futuro máis inmediato tres prazas vanse ocupar por axentes que na actualidade rematan as súas prácticas na academia e xa están iniciados os distintos expedientes para cubrir o resto de vacantes. Ademais, como parte dos cambios propostos na Relación de Postos de Traballo, os tres axentes vinculados a servizos administrativos e urbanismo pasarían a formar parte dos axentes de rúa. Ademais da ampliación da plantilla, outra das prioridades do goberno local é aprobar un cuadrante rotativo que permita que todos os axentes fagan todas as quendas. Un cuadrante no que se contemplan revisións salariais dentro dos límites orzamentarios que marca a lei. Así se lle transmitiu á Policía Local á espera da súa resposta.
Entre as prazas cuxo proceso de cobertura ten iniciado o actual goberno está a de Inspector Xefe, obrigatoria por lei e que xa se iniciara hai un ano. “Se a día de hoxe non está cuberta é porque logo da moción de censura de 2022 o executivo de María Nogareda desistiu dese proceso” recordou Portela. A cobertura desa praza é fundamental para o correcto funcionamento do servizo e para o goberno local “é unha prioridade, como xa amosamos no pasado”.
Con todo, como se está a ver noutros concellos pequenos e medianos, a lei autonómica da Policía Local é un impedimento para axilizar estes trámites e garantir a permanencia no noso concello dos axentes que obtiveron aquí unha praza. “Dende que se inicia o proceso ata que a cobertura dunha praza é efectiva pode pasar máis de ano e medio” explicou a responsable de Seguridade Cidadá. E os axentes poden pedir mobilidade a unha cidade ao pouco tempo, polo que habería que iniciar de novo o proceso. “Os concellos pequenos somos as academias das grandes cidades, esa é a realidade” dixo Portela, quen denunciou que o PP non teña amosado interese en modificar esa normativa a pesar das demandas unánimes de municipios de toda Galicia.
Dende o primeiro mandato de Benito Portela a partida orzamentaria destinada á seguridade cidadá aumentou en 300.000€. O goberno local non só buscou ao longo destes anos mellorar o servizo existente, senón tamén amplialo. Sirva de exemplo a quenda nocturna. Como concello de menos de 20.000 habitantes, Sada non está obrigado a contar cunha queda de noite. Con todo, o goberno local apostou dende un primeiro momento por este servizo “ao entender que é imprescindible para garantir a seguridade dos nosos veciños e veciñas”. A quenda de noite, ao non ser de obrigada creación, supón un custe para o concello polo que non se percibe a compensación que si teñen os concellos de máis de 20.000 habitantes. O reforzo fíxose logo de incrementar en 108 horas ao ano por axente esta quenda. Outro servizo que o Concello non está obrigado a prestar é o Servizo de Emerxencias Municipal (SEM), que tamén se garante co cargo ao orzamento municipal. Tanto para a Policía Local como para o SEM o goberno de Benito Portela creou dúas novas prazas logo de que o PP amortizase unha en 2012.
O goberno anunciou en pleno, ademais, que o próximo 4 de decembro convocarase a Xunta Local de Seguridade, na que se exporán todos os datos referentes á seguridade cidadá e viaria do Concello de Sada. Neste sentido, o executivo pediu responsabilidade a todas as formacións políticas ante un tema sempre delicado como é o da seguridade cidadá. “Sada foi, é e seguirá a ser unha vila segura”, dixo Portela, instando ós responsables públicos a non alarmar á poboación nin xerar falsas sensacións de inseguridade.