-Obras e Servizos acometeu na rúa que da acceso ao centro de Saúde diversas actuacións de mellora en materia de mobilidade que os usuarios demandaban desde hai tempo.
- Benestar acometeu obras de mellora na accesibilidade á escola infantil Flora Ramos e antes de fin de ano acondicionará o seu exterior para dotar dun novo parque de xogos ao centro.
Sada 9 de maio 2016.
Dentro das diversas actuacións que veu realizando a concellaría de Obras e Servizos, xestionada por Miguel Tenreiro, tendentes a mellorar a accesibilidade dos veciños nos pasos de peóns do municipio, nos últimos días realizáronse obras de mellora do acceso ao centro de Saúde.
Estas melloras, demandadas polos usuarios desde hai anos realizáronse por medio da brigada de Obras e Servizos e con recursos propios.
Nas actuacións levadas a cabo en rúa Párroco Villanueva modificáronse os accesos aos pasos de peóns para dotalos dunha menor pendente e un pavimento acorde á normativa vixente.
Ademais sinalizouse e acometéronse as obras de acondicionamento de firme dun novo paso de peóns á altura da Xefatura da Policía Local para facilitar o acceso dos veciños ao centro de saúde. Finalmente instaláronse varandas na beirarrúa de subida desde o citado novo paso de peóns até o centro médico.
Melloras nos accesos á escola infantil Flora Ramos e novo patio.
A concellaría de Benestar, xestionada por Isabel Reimundez, habilitou no orzamento do 2016 unha partida de 15.000€ para realizar diversas reformas e melloras nos edificios das competencias da propia concellaría.
Unha vez realizado o simulacro de evacuación no primeiro trimestre deste ano detectáronse necesidades de melloras de adaptación de accesibilidade na escola infantil Flora Ramos.
Unha das actuacións que se realizou, pola brigada de Obras e Servizos, foi unha rampla de acceso no lateral do edificio da escola infantil para mellorar a saída, en caso de emerxencia, dos berces que se atopan nesa á do centro.
Con esta actuación de hormigonado, duns 200m2 aproximadamente, eliminouse o chanzo existente e creouse unha pendente de acceso xunto á aula dos máis pequenos.
Unha vez finalizada esta obra a concellaría de Benestar acondicionará a parte exterior traseira da escola infantil Flora Ramos para crear un patio de xogos novo, con firme de caucho e dotado de elementos de xogo. Ademais acometerase o cambio de distintos materiais do centro escolar que co paso do tempo vense afectados e poden causar perigo aos usuarios. Finalmente solucionarase o problema de humidades existentes no centro así como o pintado da fachada.
Estas obras levaranse a cabo antes de finais deste ano, probablemente en tempada estival que non sexa lectiva, para non entorpecer o desenvolvemento do día a día da escola.
Isabel Reimundez sinala que a realización destas obras era necesaria para a seguridade dos usuarios e para mellorar a calidade do centro. “Seguiremos mellorando o centro o próximo ano, anuncia Reimundez, xa que realizaremos unha beirarrúa arredor da escola infantil que facilite tanto o acceso como a evacuación segundo a normativa vixente.”.