Benestar e emerxencia social son as partidas que máis verán aumentada a súa contía ó longo de 2024. Para o equipo de goberno “queda claro con estes investimentos o forte compromiso que temos coa veciñanza que máis precisa dos recursos públicos”
Logo de coñecerse hai uns días que o goberno local levará a pleno un orzamento de 15 millóns de euros, o máis elevado da historia, o executivo de Benito Portela comezou a detallar algunhas das partidas que verán reflectido este importante aumento de recursos públicos.
O Servizo de Axuda no Fogar incrementa o investimento nun 70% ata os 222.000€. “Dito incremento amosa a vontade deste goberno por seguir atendendo a todas aquelas persoas do noso municipio que o precisen” indicou o alcalde. Unha atención que se complementa coa partida adicada á dependencia, que aumenta un 20% até os 1.200.000€.
Por outra banda, o apoio a persoas vulnerables ou en risco de exclusión social é reforzado tamén ó aumentar o importe destinado a emerxencia social até os 65.000€, un 8’3% máis. Nalgúns casos, esa atención a persoas vulnerables pasa tamén por proporcionar unha solución habitacional para quen a precise. Nese sentido, o Concello de Sada reserva para este ano unha partida de 50.000€ adicada ó alugueiro de vivenda.
Así mesmo, as contas reservan unha partida de 40.000€ para impulsar a creación do Centro de Información á Muller (CIM), dando traslado á proposta aprobada polo pleno da corporación local a finais do pasado ano, reforzando así a atención específica ás mulleres que residen no Concello.
“Somos conscientes de que unha parte da nosa veciñanza precisa de apoio por parte da administración para poder saír adiante. Este goberno local está comprometido con esa atención pública e o demostra con feitos”, asegurou o rexedor. “Compromiso económico que estendemos a esa rede de entidades que traballan polo benestar de todos, como son Cruz Vermella, Cáritas ou Aspace” engadiu Portela.