O goberno local inclúe no orzamento a renovación e arranxo das marquesiñas do termo municipal

20 / ENE / 2016

O goberno local inclúe no orzamento a renovación e arranxo das marquesiñas do termo municipal

O Concello de Sada inclúe nos orzamentos do 2016 unha partida de preto de 12.000€ destinada á instalación e reparación das marquesiñas das parroquias do municipio.

Practicamente en todas as reunións cos veciños das parroquias demandáronse melloras de accesibilidade e das marquesiñas das paradas de autobús.

 

Sada 20 xaneiro 2016.

Os orzamentos do ano 2016 de Sada inclúen unha partida próxima aos 12.000€ para a instalación de novas marquesiñas e a limpeza e reparación doutras existentes en todo o termo municipal.

O alcalde de Sada, Benito Portela, sinala que “realizouse un diagnóstico das marquesiñas de todo o termo municipal que suporá a planificación de diferentes traballos para lograr a mellora dalgunhas delas e a renovación das que se atopan en peor estado para lograr a mellora solicitada polos vecinos”.

Neste sentido Portela lembrou que nas reunións cos veciños e veciñas das parroquias, celebradas o pasado mes de decembro, “practicamente en todas demandouse a mellora de accesibilidade e das marquesiñas nas paradas de autobús”

O concello de Sada a través da concellería de Obras e Servizos realizou nos últimos meses un diagnóstico do total das marquesiñas situadas en todo o termo municipal e dos seus danos, para coñecer cantas han de renovarse así como inventariar aquelas recuperables e as reparacións a abordar como son recolocación de cristais e metacrilatos, limpeza, borrados de pintadas, lijado e pintado dos soportes de aceiro, etc.

Unha vez aprobado o orzamento comezarán as obras necesarias para a instalación de novas marquesiñas e o arranxo doutras reutilizando os elementos recuperables das marquesiñas retiradas.

Arquivado en