O goberno local inviste 390.000€ para continuar mellorando servizos e urbanizando o núcleo histórico de Fontán

26 / MAI / 2024

O goberno local inviste 390.000€ para continuar mellorando servizos e urbanizando o núcleo histórico de Fontán

“Este goberno local ten un compromiso firme coa posta en valor do histórico barrio de Fontán. Con estas obras redobramos esforzos para mellorar os servizos públicos e urbanizar a principal vía que atravesa o barrio” explicou o concelleiro de Obras e Servizos e Medio Ambiente, Fernando Fariña

Estes días veñen de comezar en Fontán as obras de substitución de redes e urbanización da rúa Sanjurjo Badía entre a rúa das Flores e a AC-163. Esta actuación atópase encadrada no marco dos distintos traballos para poñer en valor o núcleo de Fontán iniciados en 2020 polo goberno local, e que noutro tramo da Rúa Sanjurjo Badía xa foi executado.

O proxecto consistirá en utilizar o mesmo patrón xa empregado no tramo antes de chegar á rúa das Flores, substituíndo o pavimento de formigón existente por un de empedrado no resto da Rúa Antonio Sanjurjo Badía, así como o pavimento de taco existente na praza substituíndoo por panos de formigón con árido visto e panos de empedrado negro. As obras teñen un prazo de execución de 5 meses, polo que a súa finalización está prevista para despois de verán.

En canto ás instalacións e servizos públicos proponse unha actuación completa para substituír os colectores de saneamento, separando augas pluviais de residuais, así coma o soterramento das redes de electricidade, telecomunicacións e alumeado, comezando na Praza da Fonte ata chegar ao cruce da Rúa Sanjurjo Badía coa estrada AC-163.

“Fontán é un dos principais espazos urbanos que temos en Sada, dende logo un dos máis simbólicos e dende hai anos traballamos para a súa posta en valor e protección”, explicou Fariña. O obxectivo é que esta urbanización dea continuidade á reforma acometida polo Concello no ano 2020, nun primeiro tramo no que o executivo de Benito Portela investiu preto de 115.000€. A este investimento hai que sumar o destinado á mellora da escaleira de madeira do porto. As obras no barrio de Fontán complétanse coa xa anunciada hai uns meses para a reforma completa do parque situado no porto, no que se prevén 215.000 euros de investimento.

Arquivado en