O executivo de Sada reserva ademáis unha partida de 243.000€ para a construción do módulo deportivo de Mondego á espera de que a Xunta de Galicia clarifique a súa achega para esta infraestrutura logo do aumento dos custes.
Unha das liñas do mandato do executivo de Benito Portela pasa por mellorar o estado das distintas infraestruturas deportivas coas que conta o Concello de Sada. Neste sentido, o goberno local proporá ó pleno da corporación o respaldo a unha serie de investimentos ós que se adicarán preto de 200.000€.
Unha das principais actuacións está centrada nos campos de fútbol municipais. Nas vindeiras semanas darán comezo os traballos de renovación do céspede do campo de fútbol de Carnoedo. Como complemento a esta actuación, dende a Concellería de Deportes proponse mobilizar parte do remanente para adicalo ó peche perimetral deste campo de fútbol. O goberno local tamén investirá 62.0000€ na mellora das instalacións do Campo de Fútbol municipal de Sada.
Por outra banda, dende o departamento que dirixe a concelleira Rebeca Mouriño levan meses traballando na mellora das instalacións do Pavillón Municipal de Deportes. Co obxectivo de ampliar estes traballos, o goberno local propón destinar 70.000€ para distintas actuacións. Ademais, dende Deportes impulsarán a execución dun mural artístico para poñer en valor o edificio municipal tamén dende o punto de vista cultural.
Outras actuacións que o goberno local contempla realizar con cargo ó remanente son a reparación do peche da pista deportiva de Meirás e o estudo e posterior redacción de proxecto para cubrir unha das pistas deportivas de Sada.