-O goberno non inclúe nos Plans Provinciais pagos a provedores nin gastos correntes ao ter aforro neto positivo no exercicio inmediato anterior e o nivel de endebedamento a longo prazo con entidades financeiras é cero.
Sada, 13 de decembro 2020.
O goberno municipal proporá ao Pleno da Corporación, que terá lugar o vindeiro mércores, a aprobación das actuacións con cargos aos Plans Provinciais 2020 da Deputación por un importe total de 1.130.771,39€.
Os obxectivos neste plan son a millora das infraestruturas existentes, a renovación da distribución das canalizacións, a dotación dos servizos de auga e saneamento ou a mellora de instalacións e pavimentos en camiños das parroquias.
Seleccionáronse proxectos a realizar segundo as prioridades do municipio, no ámbito de abastecemento de auga e saneamento, accesibilidade de camiños e mantemento de fontes e lavadoiros.
É de destacar que o 100% da solicitude adicarase a investimentos xa que o goberno non inclue nos Plans Provinciais pagos a provedores nin gastos correntes ao ter aforro neto positivo no exercicio inmediato anterior e o nivel de endebedamento a longo prazo con entidades financeiras é cero.
ACHEGA PROVINCIAL 2020
Dentro de este apartado o goberno que preside Benito Portela inclúe a renovación de tubaxes de distribución nas rúas Rosalía de Castro e Tumbadoiro por importe de 99.072,05€, a renovación de tubaxes de distribución en Casteliño e Cacharrete por 95430,97€, e o mantemento de fontes e lavadoiros do Concello de Sada por importe de 53541,23€. O capítulo da achega provincial 2020 ascende con estas actuacións a 248.044,25€
ACHEGA PROVINCIAL 2019 (Investimentos financeiramente sostibles)
Con cargo a este apartado se dotará dos servizos de auga e saneamento no Camiño de Souto á Pereira, na parroquia de Carnoedo. Esta actuación ten un orzamento de 60.419,74€.
PRÉSTAMO PROVINCIAL 2020
No apartado do péstamo provincial 2020 o goberno municipal inclúe a dotación de servizos en Samoedo, entre os núms. 41 e 53 (119.299,27€) e a mellora de instalacións e pavimentos en camiños de Piñeiro, na parroquia de Meirás (114.568,52€). O subtotal de investimentos con cargo ao préstamo provincial 2020 ascende a 233.867,79€.
PLAN COMPLEMENTARIO
Finalmente, no Plan Complementario do ano 2020 inclúense os investimentos financeiramente sostibles como a renovación da Avenida Párroco Villanueva (286.032,70€) , a dotación do servizo de distribución de auga na parroquia de Osedo (136.439,98€) a substitución de redes principais e as súas acometidas, instalación de novos servizos e pavimentacións en Praciña da Mariña, rúa Oriente e rúa do Sol, no casco urbano de Sada (165.966,93€). Con estas actuacións o capítulo do apartado ascende a 588.439,61€.