A equipa redactora entregou a documentación completa do PERI da Rúa Lagoa. O Plan prevé a obtención, por cesión gratuita, dunha parcela de 2.631 m2 para o novo Centro de Saúde. O 30% do uso residencial será destinado a vivenda protexida e o 84% do polígono será destinado a zonas públicas.
A equipa redactora (Alfonso Botana, arquitectura, adxudicataria da licitación efectuada no seu momento) acaba de entregar no concello a documentación completa do Plan especial de reforma interior (PERI) da Rúa da Lagoa, o cal permitirá que, unha vez emitidos os informes dos servizos municipais, poida ser aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local para súa exposición ao público, emisión de informes sectoriais e posterior aprobación definitiva polo Pleno do Concello.
Durante a tramitación do PERI tamén se poderán tramitar, en expedientes separados, os proxectos de urbanización e reparcelación do polígono, sen prexuizo da posibilidade de cesión conveniada anticipada cos propietarios.
O goberno local avanza deste xeito no cumprimento tanto das previsións do PXOM como do propio programa de goberno, onde un dos obxectivos deste mandato era, e seguerá sendo, un novo centro de saúde para Sada, accesible, céntrico, ben comunicado e con dotacións complementarias de aparcadoiro, zonas libres e espazos verdes públicos. Requisitos que se cumpren na localización elixida.
Tal e como prevé o PXOM de Sada aprobado no 2017, un dos obxectivos fundamentais desta actuación é a obtención polo Concello de Sada dunha parcela dotacional de equipamento sanitario que posibilite a súa posterior cesión ao Sergas-Xunta para a construcción dun novo centro de saúde, unha demanda histórica da cidadanía sadense, dadas as dificultades de accesibilidade ao actual centro situado na Avda. Párrovo Villanueva.
O PERI, que promove e executará o concello (dado que o sistema de actuación é de iniciativa pública, por cooperación) prevé a obtención dunha parcela de 2.631 m2 para a construcción dun novo dentro de saúde (superficie que representa o 39% do total da superficie do polígono). E, amais, ordena o ámbito con mellora e ampliación de acceso viario e dotación de suficientes prazas de aparcadoiro (54 prazas de aparcadoiro e cunha superficie total de viario, beirarrúas e aparcadoiros de carácter publico de 1.732m², o que equivale ao 26% da superficie total do sector).
A superficie destinada a espazos libres e zonas verdes no ámbito é de 1.325m2, o que representa o 20 % da superficie total. O aproveitamento residencial (nun edificio de B+3, equivalente a 3.378,50 m2 de edificabilidade) prevé unha reserva para vivenda protexida do 30%, fixándose tamén un 2% para uso comercial. O 10% do aproveitamento será cedido gratuitamente e libre de cargas ao Concello, quen, amais, terá dereito tamén ao aproveitamento que lle corresponde como propietario de terreos no polígono.