O PXOM DE SADA SERÁ SUBSANADO DE INMEDIATO TRAS A DENEGACIÓN DA SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA POLA XUNTA

01 / FEB / 2017

O PXOM DE SADA SERÁ SUBSANADO DE INMEDIATO TRAS A DENEGACIÓN DA SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA POLA XUNTA

-O goberno local xa deu as ordes oportunas á equipa redactora para que o Pleno poida aprobar de novo o PXOM e remitilo de novo á Xunta para aprobación definitiva.

 

Sada 1 de febreiro 2017.

O Plan Xeral foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Sada o 17/03/2016 e de seguido foi remitido á Xunta de Galicia para que efectuará dentro das súas competencias a aprobación definitiva.

Agora, a  consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, unha vez analizado o PXOM, puxo de manifesto unha serie de deficiencias para que, unha vez subsanadas e corrixidas, poida ser aprobado definitivamente.

Dentro de ditas deficiencias teñen especial relevancia as referidas ás delimitacións e configuracións do solo do núcleo rural, cuxa delimitación ampliada respecto dos asentamentos existentes, é rexeitada pola Xunta en determinados ámbitos.

O goberno local precisa que dita ampliación extensiva da delimitación dos núcleos rurais foi resultado da estimación polo goberno do Partido Popular logo do período de información pública no ano 2013, no mandato de goberno do Sr. Anido. “A resposta afirmativa a case todas as alegacións implicou un crecemento inxustificado dos núcleos rurais,  que agora a Xunta censura exhaustivamente, sobre todo nas parroquias de Veigue e Carnoedo ámbitos moi afectados pola necesaria adaptación do PXOM ao Plan de Ordenación do Litoral” sinala o concelleiro de Urbanismo, Francisco Montouto.

Os cambios introducidos polo actual goberno de Sada tanto no solo urbano, como no solo urbanizable e no solo rústico son, en xeral, aceptados pola Dirección Xeral de Urbanismo e melloran o PXOM herdado do PP polo actual goberno de Sada.

Ao longo do día de hoxe, os grupos políticos representados no pleno do Concello de Sada serán coñecedores desta orde, quedando a concellaría de Urbanismo ao dispor das dúbidas e preguntas que poidan xurdir. Non obstante,  a orden de non aprobación poderase consultar na web municipal. Asemade o goberno local convocará a Comisión de Urbanismo para explicar a todos os grupos políticos o contido e efectos da orde.

Montouto sinala que “en canto o equipo redactor acometa as indicacións, correccións e emendas que propón a Xunta de Galicia e logo de solicitar os informes técnicos e xurídicos municipais pertinentes, o goberno municipal levará a Pleno o documento para súa aprobación provisional e posteriormente o remitirá á Xunta para súa aprobación definitiva”. Este trámite calcula que poderá realizarse antes do primeiro semestre do ano. 

Arquivado en