A reunión será o mércores, día 21, na Sociedad Recreativa Cultural Deportiva, para presentar o evento, que se desenvolverá do 3 ao 6 de agosto na vila, e que prevé reunir un cento de embarcacións
A organización do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia convoca para o mércores, día 21, ás 20.30 horas unha reunión informativa con empresarios e empresarias, responsables de colectivos e asociacións de Sada para expoñer os detalles da cita, que se celebrará en Sada do 3 ao 6 de agosto.
Está previsto que participen no encontro un cento de embarcacións, como dornas, navíos ou bucetas, entre outras tipoloxías, que farán percorridos pola ría e no paseo da vila tamén se desenvolverá un variado programa de actividades culturais vencelladas ao mar. A día de hoxe hai medio cento de barcos xa inscritos, a maioría galegos, pero tamén virán barcos doutras comunidades, como de Cataluña, e dúas chegarán desde Irlanda.
Na reunión tamén se tratará a necesidade de persoas voluntarias para a organización in situ do evento. A inscrición está xa aberta e non é necesario falar idiomas ou ter títulos náuticos, aínda que ambas cuestións serán valoradas.Estas persoas poderán colaborar na montaxe e desmontaxe do encontro ou no desenvolvemento do mesmo, tanto nas actividades do mar como nas de terra.
Por outra banda, este sábado, día 24, celébrase a XV Copa Balbina, organizada pola Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, anfitriona do encontro.