O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia pecha a súa inscrición con 106 barcos, que estarán en Sada do 3 ao 6 de agosto

30 / XUL / 2023

O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia pecha a súa inscrición con 106 barcos, que estarán en Sada do 3 ao 6 de agosto

O evento reunirá barcos chegados desde Galicia, Euskadi, Cataluña e tamén desde Irlanda e programa actividades de mar e terra durante os catro días.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) pechou a inscrición para a participación de barcos no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Sada do 3 ao 6 de agosto, con 106 participantes, superando as expectativas da organización.

Dornas, botes polbeiros, galeóns, gamelas ou bucetas de orixe galega e tipoloxías propias de Cataluña, Euskadi e ata de Irlanda reuniranse na vila coruñesa a partir do xoves. Algunhas delas xa chegaron ata o porto de Fontán no III Convoi Tesa a Escota Proa a Sada, que navegou dende Muros, pasando por Corme, durante a fin de semana. Foron oito as embarcacións que fixeron xuntas o percorrido: Xeiteira Canle, Dorna de tope Lavanqueira, Dorna nai, Galeón Eliseo, Racú Laberco, Balandro Joaquín Vieta, Galeón Ave de Paso e Dorna nai Uxía. A elas uníronse media ducia de barcos dende Ferrol e localidades cercanas. Na vila xa estaban atracadas a Irmandiña e a Meca, do Grove, e o Luísa Tres, de Combarro.

O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que celebrará a súa inauguración oficial o xoves pola tarde, inclúe no seu programa diversas actividades, tanto en terra, como concertos, obradoiros para a cativada, presentación de libros ou exposicións, como en mar, como navegacións pola costa sadense e as localidades próximas durante as catro xornadas, así como unha concentración e exhibición dos participantes no porto de Fontán, visitas guiadas ao interior dos barcos e un bautismo de mar de novas embarcacións.

PROGRAMA COMPLETO ACTIVIDADES

Arquivado en