-A obra inicial, proxectada no 2014, non contemplaba o empedrado na parte final da rúa, no seu entroncamento coas Brañas, polo que desde a concellaría de Obras e Servizos contratouse a humanización dese tramo.
Sada, 18 de febreiro 2016.
A rúa Oleiros, unha das máis transitadas e céntricas da zona urbana de Sada, someteuse durante os últimos días a traballos de humanización co fin de unificar a zona comercial do centro urbano sadense,
Esta actuación, incluída no Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación para 2015, contou cun orzamento de case 90.000 euros e executouse, nunha zona de carácter residencial e comercial para peonalizar a rúa e favorecer deste xeito o tránsito a pé dos veciños e da entrada aos garaxes dos residentes.
O goberno local buscaba con estes traballos, que dotarán de maiores beirarrúas a esta rúa, unila co eixo do chamado Centro Comercial Aberto que constitúe a rúa de Linares Rivas, coa que conecta, e que foi renovada en 2002.
Pero a obra proxectada no ano 2014 e financiada polo Plan de Obras da Deputación, non incluía o empedrado no tramo que a entronca coa rúa Pontedeume nas Brañas, polo que desde a concellaría de Obras e Servizos, xestionada por Miguel Tenreiro, contratouse o empedrado da parte final desa rúa para unificar o firme en toda a vía.
O proxecto inicial incluía o empedrado en tres cuartas partes da rúa deixando en formigón o firme do último tramo, o de entroncamento coa rúa Pontedeume. Desde a concellaría de Servizos, unha vez falado cos veciños e técnicos, decidiuse por unificar o firme ao longo de toda a rúa e contratar o empedrado deste tramo unha vez finalizadas as obras do proxecto inicial.
Esta actuación de unificación do firme, que xa comenzou a executarse e que rematará a próxima semana, realízase unha vez que os traballos do proxecto inicial de mellora dos servizos de saneamento de residuais e pluviais, auga e canalización subterránea da iluminación pública, xa están executados.
Nesta rúa realizouse ademais a substitución das acometidas a edificios que non cumprían cos criterios de materiais adecuados e a separación de augas residuais e pluviais, como se veu facendo noutras zonas comerciais ou no barrio da Tenencia.
Finalmente instaláronse tubaxes para servizos subterráneos non municipais como subministración de telecomunicacións, acometidas de gas ou subministración e distribución de enerxía eléctrica.