-Máis de 75 concellos galegos se suman a esta campaña, “unha mostra de unión entre o municipalismo galego ante un problema que é unha emerxencia social e que consideramos que ten que ser unha cuestión de estado”, indica a concelleira Isabel Reimundez.
Sada, 16 novembro 2017.
A concellelira nacionalista de Benestar Social e Igualdade, Isabel Reimundez, sinala que “a violencia é a máxima expresión da desigualdade que estamos a sufrir as mulleres no noso día a día, os datos falan por si solos”.
Reimundez considera que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade pondo de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso a concelleira animaba hai uns días ao tecido empresarial a implicarse na campaña "Sada en negro".
Hai dous anos que o concello de Santiago impulsaba unha campaña para concienciar sobre a lacra das violencias machistas e que levaba por nome “Compostela en negro”. O pasado ano máis de quince concellos uníanse á mesma e este ano son 75 concellos de toda Galicia, de distintas cores políticas, os que coincidindo coa declaración do 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminacion da Violencia contra as Mulleres, desenvolverán unha actividade dirixida a sensibilizar á poboación respecto da situacion de violencia na que viven moitas mulleres, “unha mostra de unión entre o municipalismo galego ante un problema que é unha emerxencia social e que consideramos que ten que ser unha cuestión de estado”, indica a concelleira.
A día de hoxe 80 empresas de Sada, de todos os sectores xa confirmaron a súa presenza “en negro” do 20 ao 26 de novembro“ días no que propoñemos, sinala Isabel Reimundez, vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”.
A concellería de Benestar Social e Igualdade destaca a implicación do tecido empresarial municipal que cada ano aumenta a súa participación na campaña que os concellos de Galicia promoven contra a violencia machista. “O protagonismo das rúas de Sada, sinala a concelleira, correspóndelle aos comercios, son o gran escaparate que pode transmitir á cidadania a mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos Sada libre de violencia".
Por ise motivo se entregarán camisetas, cartelería, e distintivos a cada local comercial participante así como manteis e mandilóns aos locais de hostelería para “vestir ás empresas de Sada de negro”.
“Quero destacar a gran participación das empresas de Sada e a súa implicación. Moitos dos comercios van deseñar escaparates con máis medios dos que nos lles facilitamos para que toda a xente poida ver esta campaña de sensibilización” indicou Reimundez .
Actos da semana internacional da eliminacion da Violencia contra as Mulleres
O concello de Sada, a través da concellería de Benestar Social e Igualdade realizará varias accións durante a semana que ven coincidindo co día internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Ademáis da campaña Sada en Negro que terá lugar nos comercios do municipio do 20 ao 26 de novembro a concellería anima a todos os veciños e veciñas a participar na concentración popular contra a violencia machsita o xoves 23 de novembro ás 12:00 horas na Praza de San Roque onde se leerá un manifestó e participarán os alumnos e alumnas do instituto Isaac Díaz Pardo.
Asemade a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel Reimundez, anima á veciñanza a participar na Andaina solidaria contra a violencia de Xénero que partirá do edificio de servizos múltiples de O Burgo (Culleredo) o sábado 25 de novembro ás 10:30 horas.