-Nos próximos días instalarase un quiosco de venda cuxa licitación está en curso e que leva ademais o servizo de limpeza e control da instalación.
Sada 4 de xullo 2017.
Desde as 16:00 horas desta tarde está aberta ao público a piscina da Pía do Loureiro grazas a un convenio entre Cerámicas do Castro co Concello de Sada que permite o uso público desta piscina ao aire libre para ofrecer unha atracción lúdica para os sadenses.
Este ano a instalación deportiva situada no recinto das cerámicas xa non terá custo para os usuarios, senón que será de acceso libre. O verán pasado estableceuse só gratuíta para os menores de 12 anos, mentres que os adolescentes de 12 a 16 anos pagaban pola entrada 50 céntimos e os maiores abonaban 1 euro. Esa compensación polo uso da piscina será asumida, agora, polo Concello.
A instalación abrirá con horario de 12.00 a 20.00 horas os meses de xullo e agosto e o Concello achega, ademais, dous socorristas. Desde a concellaría de Deportes, xestionada por Zeltia García, indícase que dependendo das condicións meteorolóxicas de setembro alongarase ou non a apertura durante ese mes.
A concelleira de Deportes sinala ademais que “atendendo ás peticións dos usuarios que demandaba algún tipo de servizo para poder adquirir refrixerios xunto á piscina”, a pasada semana saíu a licitación a explotación dun quiosco no que se sirvan bebidas e aperitivos. O adxudicatario do servizo ocuparase tamén da limpeza dos vestiarios e do vaso da piscina, así como dos controis de cloración.
Antes da apertura da piscina ao publico a concellaría de Deportes e a concellaría de Obras e Servizos estiveron a realizar melloras nas instalacións e reparacións dos vestiarios da piscina, que presentaban filtracións.