Naceu nunha primavera na que comezaba o século XX, un 23 de maio de 1901, e morreu nun outono no que a centuria víase xa rematar, un 20 de outubro de 1996. Viviu e soñou sempre en Sada, na casa natal, no barrio mariñeiro da Tenencia. Filla de Jacinto Morlán, emigrante que pasou boa parte da súa vida traballando nun vapor que facía a ruta Arxentina-Gran Bretaña, e de Antonia Ramos, ama de casa, Francisca Morlán (Pancha, como lle chamaban todos os que a coñecían) era a pequena de cinco irmáns. Aos dous maiores, emigrados na capital bonaerense dende ben novos, nunca os coñeceu máis que por carta; á terceira, tampouco, pois faleceu de nena, antes de que Pancha nacese. Coa cuarta dos irmáns, Ramona, viviu practicamente toda a súa vida.
Dende moi nova quixo ser mestra polo que conseguiu que o pai dunha das súas amigas a preparase para presentarse por libre aos exames da Escola Normal de mestras, que nunca aprobaría. Porén, isto non sería abondo para que abandonase a súa vocación. Tras rexeitar un traballo no centro educativo "Sada y sus contornos", fundado polos emigrantes da vila en Cuba e aínda hoxe en funcionamento, monta en 1929 o seu propio colexio na bodega da súa casa, que acondiciona para tal fin. Deste xeito, a gardería infantil e escola de ensino primario "Francisca Morlán" quedará situada na rúa da Tenencia nº16 da vila mariñá e será a maior proba do carácter emprendedor da súa propietaria.
Non obstante, este primeiro empuxe non será suficiente para desenvolver libre e tranquilamente o seu traballo, xa que en varias ocasións e de distintas maneiras, tentarán pecharlle a escola por motivos variados: algúns responderán a feitos obxectivos, por non posuír o título correspondente, e outros derivaranse de intereses máis dubidosos e certamente escuros. A primeira destas tentativas chega o 24 de abril de 1936, aínda baixo o goberno da República, día en que se data a carta que Manuel Varela, responsable do "Consejo Local de Primera Enseñanza" de Sada, lle remite e na que a insta a legalizar a súa situación. Todo quedará resolto coa presentación dos documentos necesarios en xuño dese mesmo ano.
Rematada a guerra, as condicións do profesorado galego que non fora represaliado mudaron considerablemente. Acabaron xa as excursións, as conferencias e, en xeral, os aires de renovación que o sistema educativo da República trouxera consigo, mais sobre todo rematou a liberdade de cátedra durante case corenta anos. Boa mostra disto son as diferentes notas que dende o "Consejo Municipal de Primera Enseñanza" lle envían: instándoa a acudir co seu alumnado a actos de obrigado cumprimento, como a misa pola memoria de José Antonio, e esixíndolle que cumpra cunha serie de rituais, como obrigar aos rapaces e rapazas a confesarse. O mesmo ocorre cunha serie de libros dos que lle mandan desfacerse: entre eles a Historia de España de Rodríguez García, as Lecturas ciudadanas de Solana e as Lecturas cívicas de Manrique. Aparenta levalo a cabo, pero, non obstante, non chega nunca a destruír algunhas das súas obras máis queridas. Boa mostra disto é que, despois da súa morte, no faiado da súa casa aparece unha primeira edición das Obras completas de Curros Enríquez.
Mentres atura estas intromisións na súa laboura profesional, as tentativas de pechar a súa escola continúan. En 1942 pretenden clausurarlla, se non acredita nun prazo de dous días a autorización para a súa apertura. En novembro de 1946 volven intentalo, esta vez por practicar, segundo as autoridades correspondentes, o seu traballo clandestinamente. A tentativa máis virulenta chegaría en maio de 1947, cando a garda civil se presenta na súa casa para detela e instruír un atestado na súa contra. Na mesma situación atópanse outras mestras da vila con escola privada: Julia Castiñeira, María do Carme Otero e Consuelo Rodríguez, denunciadas por exercer o ensino dun xeito "clandestino e ilegal". Finalmente, as catro mestras presentan un documento en que pregan que se lles deixe continuar co seu cometido, porque no centro de Sada non hai escolas públicas e porque o número delas no municipio é insuficiente. O permiso definitivo élles concedido o 16 de xullo de 1947.
A laboura de Francisca Morlán continua nas décadas vindeiras, chegando a ter, en 1956, 69 alumnos e alumnas de entre 2 e 12 anos. Pasados os duros inconvenientes anteriores, consegue que a escola acade sona da vila, polo que terá sempre un alumnado cuantioso. Isto permitiu á súa propietaria soster economicamente a seus pais e asegurarlles así unha vellez digna. A escola da rúa da Tenencia pechou en 1980, cunha Pancha case octoxenaria que continuou a ser mestra ata o derradeiro día en que na casa natal, a súa personalidade rexa deixou de respirar.
Autor/a da biobibliografía: Montse Pena Presas (2006) - Fonte: Consello da Cultura Galega