Dentro dos contidos habituais na Feira Modernista resérvase, dende a primeira edición, un espazo para a organización dun “Mercado Modernista”. Trátase dunha zona na que diferentes artesáns e comerciantes establecen uns postos de exposición e venta, ambientados con decoración evocadora e cun vestiario que trata de seguir as liñas da moda no Modernismo. A organización ofrece os espazos e estruturas para a montaxe de 23 postos de venta destinados á explotación por parte de comerciantes e hostaleiros, que conformarán o “Mercado Modernista 2022”. Ditos espazos terán unhas dimensións fixas de 3x3 mts delimitados por carpas impermeables e con peche completo. Presentarán un frontal decorado con motivos modernistas, conformando un elemento de ambientación da Feira. As solicitudes deberán cumprir unha serie de requisitos e, ademais, pasar un proceso de selección e filtro baseado nos criterios que recollen estas bases reguladoras de participación no mercado.
BASES POSTOS VACANTES MERCADO MODERNISTA 2022
Modelo de solicitude de participación no Mercado Modernista. 2022
28/07/2022 - APROBACIÓN PARTICIPANTES POSTOS VACANTES MERCAD MODERNISTA 2022
21/07/2022 - DECRETO CORRECCIÓN PARTICIPANTES ADMITIDOS
21/07/2022 - DECRETO CORRECIÓN ERRORES Nº DE PUESTOS
OBXECTO
Esta convocatoria ten por obxecto establecer o procedemento, criterios de valoración e condicións para o outorgamento de autorizacións para ocupar en espazo público os postos vacantes para exercer a venta ambulante no mercado da XI Feira Modernista de Sada.
Tras da resolución da primeira convocatoria do Mercado Modernista de Sada 2022, aprobada por medio do decreto de alcaldía núm. 878/2022 de 22 de xuño, quedaron vacantes 4 das 23 prazas ofertadas. A Concellería de Cultura pretende con esta convocatoria ofertar publicamente as prazas vacantes para reforzar a oferta de contidos culturais e de lecer que se inclúen no programa da XI Feira Modernista, a celebrar os vindeiros 29, 30 e 31 de xullo.
Deste xeito, o Concello de Sada exerce as súas competencias no eido da promoción cultural e da ocupación do tempo libre e, de forma sinérxica, as de organización de feiras, mercados e comercio ambulante, recollidas no artigo 25 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
Serán admitidas as solicitudes de persoas físicas e xurídicas que teñan capacidade de obrar no ámbito da venda ambulante, que se comprometan a ambientar e decorar os seus postos con elementos que permitan evocar os principios estéticos do movemento artístico modernista, ou ben a recrear a época e costumes sociais contemporáneas ao mesmo.
As persoas que realicen a venda ao público nos postos que sexan autorizados deberán caracterizarse e empregar unha vestimenta que axude a recrear e evocar a época e os principios estéticos do movemento modernista.
As persoas/empresas autorizadas deberán respectar integramente o horario establecido para a celebración da XI Feira Modernista:
- Venres 29 de xullo: montaxe dende as 12:00 h. Horario de apertura de 17:00 a 23:00 h.
- Sábado 30 de xullo: apertura de 12:00 a 23:00 h.
- Domingo 31 de xullo: apertura de 12:00 a 22:00 h. Desmontaxe a partir das 23:00 h.
Os vehículos poderán acceder á zona da feira para labores de descarga de material e montaxe no horario prefixado pola organización que será o venres 29 de 12:00 ás 16:00 horas.
Os vehículos deberán ser retirados unha vez feita a descarga de material.
NORMATIVA APLICABLE
Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local b. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións públicas c. Ordenanza municipal núm. 16, reguladora da taxa por instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos ou atraccións situadas en terreo de uso público, industrias da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica (BOP núm. 183 do 09.08.2008) d. Ordenanza municipal non fiscal reguladora da venda ambulante (BOP núm. 329 do 18.10.2002)
ACCIÓN DE FOMENTO: EXENCIÓN DE TAXAS
En base ao establecido no artigo 2.2.a) da Ordenanza Municipal núm. 16 e en virtude da xustificación motivada presentada pola Concellería de Cultura, as persoas físicas ou xurídicas que obteñan a autorización estarán exentas do pago de taxas.
BENEFICIARIAS
Poderán presentar solicitude de participación no Mercado da XI Feira Modernista do Concello de Sada as persoas físicas ou xurídicas que acrediten o desenvolvemento da actividade de venda de produtos artesanais ou de venda polo miúdo.
Para acreditalo deberán estar dados da alta no IAE (modelo 036) en calquera dos epígrafes que lle permita a venta de produtos artesanais ou o comercio minorista. As solicitantes deberán cumprir os requisitos esixidos na Ordenanza municipal reguladora da venda ambulante. Ademais, pasarán un proceso de selección e filtro baseado nos criterios que se recollen no punto 8 destas bases.
FORMA DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E PRAZOS
As solicitudes poderán presentarse por medios electrónicos a través do formulario de solicitude xeral que se atopará na sede electrónica municipal (sede.sada.gal), anexando tanto o modelo de inscrición específico do Mercado Modernista (ANEXO I) como a documentación requirida na Ordenanza municipal reguladora da venda ambulante, que se detalla na base 6ª.
Consonte o artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas físicas poderán escoller en todo momento si se comunican coas Administracións Públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non.
Pola contra, deberán empregar a presentación por medios electrónicos, de xeito obrigado, as persoas incluídas no punto 2 do artigo 14 da dita lei 39/2015.
Para a presentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica do Concello de Sada.
Por razón da urxencia na convocatoria destes postos vacantes, ante a proximidade das datas de celebración do Mercado Modernista, establécese un prazo de presentación de solicitudes de 3 días hábiles. O prazo abrirase a partir do día seguinte ao da publicación destas bases na web municipal (www.sada.gal) e no taboleiro de anuncios da sede electrónica (sede.sada.gal).
No caso de que algunha solicitude non estivese completa, correctamente cuberta, faltase información necesaria ou estivese incompleta a documentación que debe acompañar a solicitude, establécese un prazo de emenda de 2 días hábiles a contar dende o día seguinte ao da notificación do requirimento. No caso de non responder ao requirimento de emenda entenderase que a entidade desiste da súa solicitude segundo o art. 68 da Lei 39/2015.
DOCUMENTACIÓN NECESARIA
A solicitude de participación acompañarase do modelo de solicitude (ANEXO I) e da seguinte documentación:
- Copia do NIF da persoa interesada
- No caso das persoas xurídicas acompañarase da acta de constitución ou dos estatutos, así como do DNI da persoa que actúe na súa representación
- Copia do IAE (modelo 036)
- Alta na SS e, no seu caso, último recibo de autónomos e Certificados de estar ao corrente das obrigas tributarias, fiscais e coa Seguridade Social. Salvo oposición expresa da persoa interesada, a Administración poderá comprobar estes datos, agás o certificado de estar ao corrente de pagamentos e tributos coa Facenda Galega (ATRIGA), que deberá ser aportado polas solicitantes
- No seu caso, carné de manipulador de alimentos
- Póliza e último recibo do seguro de responsabilidade civil (ou ben certificado de vixencia da póliza emitido pola entidade aseguradora)
- No seu caso, carta de artesán ou marca de artesanía
- Fotografías dos produtos que se ofertarán á venda no Mercado Modernista
PROCEDEMENTO DE AUTORIZACIÓN
Estas axudas seguirán un procedemento de concorrencia competitiva no que as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos serán obxecto da aplicación duns criterios para establecer unha orde de prelación que se empregará para outorgar as autorizacións ata esgotar o número de postos vacantes.
O procedemento respectará os seguintes principios:
- Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade de trato e non discriminación.
- Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante.
- Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Para a tramitación desta convocatoria o Concello de Sada poderá consultar automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á consulta:
- DNI ou NIE da persoa representante
- NIF da entidade solicitante
- Certificado de estar ao corrente nos pagamentos coa AEAT (Hacienda), coa Seguridade Social e coa facenda municipal
- No caso de que as entidades ou persoas solicitantes se opoñan a estas consultas, deberán indicalo sinalando no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude.
- *O certificado de estar ao corrente nos pagamentos coa Facenda Galega deberán ser aportados polas persoas solicitantes. Os departamentos de Promoción Económica e Turismo e o de Cultura serán os encargados de instruír os expedientes, comprobando que se cumpran os requisitos esixidos, requirindo as emendas en caso necesario (base 5ª) e trasladando informe das solicitudes correctas á Comisión de Valoración.
Á vista do informe, a Comisión de Valoración procederá á avaliación comparativa das solicitudes ou peticións conforme aos criterios e ponderacións que se describen nos seguintes puntos.
O resultado da valoración deberá ser motivado convenientemente. Con esta valoración, o departamento de cultura formulará a proposta de resolución, debidamente motivada, recollendo a listaxe de solicitudes que se propoñen para autorización, así como as posibles solicitudes denegadas. Finalmente, a Alcaldía emitirá a resolución de autorización e denegación de solicitudes e notificará ás persoas interesadas.
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
O procedemento de concorrencia competitiva aplicarase de xeito que a comisión de avaliación ordenará as solicitudes recibidas por orde de prelación, segundo a puntuación que reciban despois da aplicación dos criterios de avaliación establecidos para esta convocatoria de axudas.
A selección entre as solicitudes recibidas ven motivada pola necesidade de cumprir cos obxectivos de ambientar, evocar unha época, recrear uns principios artísticos e aportar interese estético.
Adoptaranse os seguintes criterios para establecer unha relación de idoneidade entre as solicitudes recibidas, e repartir así os espazos dispoñibles:
- Recupera oficios tradicionais contemporáneos á época que queremos recrear (10 ptos).
- Pon en valor aspectos da nosa memoria histórica ou do patrimonio histórico-artístico (relacionados directamente con Sada e aspectos da memoria histórica local 10 ptos; non relacionados con Sada 8 ptos).
- Pon á venta obxectos que son solidarios cos principios artísticos que definen ao Modernismo (7 ptos).
- Oferta un produto con características de orixinalidade artística/estética ou de utilidade que, si ben poden non considerarse modernistas, entroncan co seu espírito de ruptura coas normas estéticas establecidas e coa liberdade creativa (6 ptos).
- Oferta un produto que podería ser compatible cun mercado de época e aportará decoración e ambientación de temática modernista (5 ptos).
RESOLUCIÓN
Unha vez rematado o procedemento de instrución das solicitudes recibidas, a Concellería de Cultura proporá a relación de solicitudes correctas ordenadas de maior a menor puntuación. En base a esta proposta, a Alcaldía resolverá autorizando ou denegando de xeito motivado ás persoas solicitantes pola orde de prelación proposta e notificarase a resolución ás persoas interesadas.
No caso de que algunha das 4 primeiras beneficiarias desistise da súa solicitude, notificarase á seguinte persoa segundo a orde de prelación, ata completar a autorización para a ocupación dos postos vacantes.
A resolución definitiva porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
- a) Recurso potestativo de reposición contra o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución definitiva.
- b) Recurso contencioso-administrativo ante os Xulgados do contencioso-administrativo de A Coruña no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución definitiva. No caso de interpoñer recurso potestativo de reposición non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata a súa resolución, expresa ou por silencio administrativo.
NOTIFICACIÓN E RESOLUCIÓN DOS ACTOS ADMINISTRATIVOS
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, no caso das solicitudes realizadas por medios electrónicos as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, “notifica.gal”.
Para os restantes casos e de xeito xeral, a resolución publicarase na páxina web municipal (www.sada.gal) e no taboleiro da sede electrónica (sede.sada.gal), servindo esta publicación aos efectos de notificación ás persoas interesadas.
OBRIGAS DAS BENEFICIARIAS
A presentación da solicitude de participación constitúe un compromiso irrevogable por parte das persoas solicitantes de aceptar e acatar as normas específicas do Mercado Modernista de Sada 2022, establecidas nas presentes bases, así como, as disposicións concretas que para o bo desenvolvemento da Feira fosen establecidas pola organización.