-O alcalde de Sada, Benito Portela, e o concelleiro de Turismo, Liss Suárez Becerra, reuníronse onte en Santiago coa directora xeral de patrimonio, Carmen Martínez, e o subdirector xeral de protección do patrimonio, Juan Antonio Naveira.
-Desde a Dirección Xeral de Patrimonio mostraron ademais interese en seguir avanzando na tramitación de BIC do complexo das Cerámicas de O Castro, obxectivo que se marcou o goberno local desde o comezo de mandato.
-Portela destacou a comunicación fluída desta reunión e as posibilidades que se abren a partir deste momento para a conservación do patrimonio sadense.
Sada, 15 febreiro 2016
O Pazo de Meirás volverá ter visitas guiadas conforme ao establecido no expediente de Ben de Interese Cultural. Así llo indicaron desde a Dirección Xeral de Patrimonio ao alcalde de Sada, Benito Portela, e o concelleiro de Turismo, Liss Suárez Becerra, na reunión mantida onte en Santiago.
Nesta reunión solicitada polo goberno local de Sada estiveron presentes a directoral xeral de Patrimonio, Carmen Martínez Insua e o subdirector xeral de protección do Patrimonio, Juan Antonio Naveira.
O concelleiro de Turismo valorou positivamente a reunión para buscar unha solución ás visitas do Pazo de Meirás e destacou “o bo entendemento e a boa disposición de Patrimonio para resolver o problema”. Neste sentido desde a dirección xeral indicaron que “tomarán as medidas oportunas para que as póidase visitar o Pazo de Meirás conforme ao establecido no expediente de Ben de Interese Cultural”.
O goberno local espera que se solucione este problema que “causa prexuízo desde o punto de vista económico xa que o Pazo é un foco de atracción turística procedente de todas a partes do estado”, sinalou Suárez Becerra.
“O feito que non se poida visitar, indicou o concelleiro de Turismo, é contraproducente para a imaxe de Sada”. Cerámicas do Castro Ademais do tema das visitas ao pazo na axenda da reunión estaba tamén outros temas que afectan o patrimonio sadense.
O subdirector xeral de protección do patrimonio, Juan Antonio Naveira, mostro o seu interese en seguir avanzando na tramitación de BIC das Cerámicas de O Castro, obxectivo que se marcou este goberno ao comezo deste mandato e que foi aprobado no pleno da corporación do pasado mes de decembro de 2015.
O alcalde de Sada sinalou que desde o goberno local “esperamos que esta boa dinámica continúe xa que é o bo camiño para unha mellor conservación do patrimonio sadense e para os os intereses de todos os veciños e veciñas de Sada”.