A escola infantil Galiña Azul de Sada gañou o primeiro premio, na categoría de 0 a 3 anos, do concurso Refugallando Cartón 2017, organizado polo Consorcio As Mariñas que está dotado con 600 euros. O xurado do premio destacou a creatividade e orixinalidade do proxecto desta escola infantil.
A concelleira de Benestar, a nacionalista Isabel Reimundez, felicitaba o pasado venres aos responsables do centro escolar pola consecución deste premio que interrelaciona a reciclaxe e a educación cidadá co respecto polo medio ambiente.
Premios na área Metropolitana
O Consorcio As Mariñas premiou aos centros da área metropolitana polo seu compromiso coa reciclaxe a través do concurso Refugallando, un proxecto de educación ambiental. O organismo puxo en marcha o programa por segundo ano consecutivo e onte distinguiu ás escolas e colexios máis concienciados coa reciclaxe e a reutilización de papel e cartón.
O primeiro premio da categoría de 0 a 3 anos foi para a escola infantil de Sada polo seu traballo "Conduce a túa vida reciclando", un proxecto no que, segundo explican dous das profesoras, Yésika Creo Dosil e Inmaculada Majado Rosales, contaron con "unha gran participación por parte dos alumnos e as súas familias".
Durante o acto de entrega de premios, o presidente do Consorcio, José Antonio Santiso Miramontes, entregou os galardóns aos profesores dos centros premiados. "Para nós este é un proxecto crucial para que os mozos saiban desde nenos o importante que é reciclar", destacou Santiso.
A escola infantil de Sada e o CRA de Bergondo recibiron os primeiros premios, dentro das categorías de 0 a 3 anos e de 3 a 6. Os segundos galardóns foron para a escola infantil de Pastoriza-Arteixo (de 0 a 3) e para o CEIP Plurilingüe San Marcos (de 3 a 6 anos). A creatividade e a orixinalidade do traballo, así como a coherencia respecto dos obxectivos propostos e á temática do concurso foron algúns dos criterios que tivo en conta o xulgado.