Sada programa o venres 8 de novembro ás 20:00 horas na Capela de San Roque a proxección do documental "Bravu XXX", un filme documental de Nós Televisión para conmemorar o trinta aniversario deste movemento. ENTRADA LIBRE ATÉ COMPLETAR AFORO.
BRAVÚ XXX é un filme documental no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical. BRAVÚ XXX aborda o Bravú desde ese trazado dun camiño colectivo, espontáneo, honesto e aberto a todas e todos os espectadores.
Trátase dunha produción de Nós Televisión que conta co apoio de diversas institucións, entre elas a Deputación da Coruña, quen financia e organiza unha xira de proxeccións para que o filme poida verse en 25 concellos da provincia da Coruña, con entrada totalmente aberta e gratuíta ata completar aforo, dentro da programación Outono das Artes, de A Cultura é un dereito, organizada pola Deputacion da Coruña.
30 anos do Bravú: a aldea de Viana, en Chantada, epicentro dun movemento
Nos anos 90, as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas e agromaban no país grupos de rock en galego, mais que non se coñecían entre si. O punto de inflexión márcao o 31 de outubro de 1994, cando cerca dunha ducia de grupos -como Os Diplomáticos de Monte Alto, os Papaqueixos, os Impresentables ou O Caimán do Río Tea- se reúnen na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, e crean unha etiqueta para si mesmos: o bravú.
Un movemento vivo: latexo bravú
Trinta anos despois daquel día, Xurxo Souto volverá á Taberna Caballero de Viana, en Chantada, con algúns dos co-fundadores do Bravú. Antes desa apoteose, Xurxo Souto encontrarase con persoas que nos axudarán a entender este movemento e saber se a día de hoxe hai un Bravú vivo na nosa historia cultural e musical.
Sinopse BRAVÚ XXX
Logo de ver a cover que as novísimas compoñentes do grupo musical Rager, pertencente ao proxecto Xeración Sónica do Concello de Pontevedra, fan do mítico tema bravú ‘Estou na lavadora’, Xurxo Souto arranca nunha viaxe que lle permite visitar e entender de novo o que foi o movemento bravú. Inicia o camiño na Coruña desde o barrio de Monte Alto, berce dos Diplomáticos, co garbo de Paola Beiro, integrante das Garotas da Ribeira conectada co repentismo e a cultura popular mais tamén coa Barcelona mestiza que personificou o músico Manu Chao. Xurxo Souto atópase no seu camiño con Nuno Pico, de Grande Amore, quen achegará a visión da nosa fornada da música galega que está a colleitar grandes éxitos dentro e fóra do noso país. Continuará o camiño pola Coruña para visitar ao referente e padriño da xeración bravú, Xosé Manuel Pereiro, aliás Johnny Rotring en Radio Océano, con quen senta na barra da Buserana. María Xosé Silvar, Sés, agarda nun estudo da Casa do Rock para explicarlle a Xurxo Souto como influíu nela a referencialidade do movemento bravú; para despois continuar a viaxe na Sala Ártika de Vigo cos Vacalouras, quen conservan do Bravú ese descaro e reivindicación da aldea e dos barrios. Con esta cosmovisión pangalaica, Xurxo Souto emprende á parada final de BRAVÚ XXX: a Taberna Caballero, aldea de Viana, concello de Chantada. Alí volverá reunirse cos cofundadores do movemento Bravú para compartir con eles lembranzas e pensamentos logo de trinta anos de anécdotas e amizade.