Os traballos solucionan o problema das pingueiras, que limitaban o uso do recinto polideportivo.
Durante este mes comezarán todas as Escolas Deportivas que este ano contan con catro novas disciplinas multideporte, baloncesto, patinaxe artística e voleibol.
Sada 5 outubro 2017
As pingueiras do pavillón polideportivo de Sada, restrinxían o seu uso para a actividade deportiva e durante este verán optouse polo cambio do lucernario, uns traballos que xa finalizaron e que permiten arrincar esta semana as actividades das Escolas Deportivas Municipais nesta instalación.
A corrosión nos elementos de suxeición do lucernario dun inmoble que ten xa tres décadas obrigou a realizar uns traballos que supuxeron un investimento de 20.865 euros e que se desenvolveron o mes pasado, para non interferir cos meses de máis uso da instalación.
Ampliación de espazos
Aínda que no pavillón realizáronse obras de remodelación con anterioridade, segundo recoñeceu a concelleira de Deportes, Zeltia García, estas non solucionaran os problemas de impermeabilización, o que levaba unha deterioración da instalación, ademais de limitar o seu uso. "Era unha obra necesaria, porque Sada precisa un lugar que poda acoller competicións e que non quede supeditado a que ese día non choia", explicaba a edila.
No último ano e a modo de complemento do recinto das Brañas, o Concello conseguiu a cesión do polideportivo do instituto Isaac Díaz Pardo e do albergue da Marina. Optouse por esta opción debido ao incremento da oferta e a demanda, o que fixo que este ano as Escolas Deportivas, que teñen como obxectivo promover e fomentar a actividade física, conten con catro novas modalidades: multideporte, impartido por Hebe Sport; baloncesto, do que se encarga o Clube Golfiños de Sada; patinaxe artística, impartido polo Club Patinaxe Artística de Sada e voleibol, por parte do Club Deportivo Padre Faustino.