Onte tivo lugar no centro de servizos sociais de Sada unha reunión semipresencial das/os técnicos/as do departamento e representantes da empresa de SAF do Comité de Ética na Intervención Social “CEIS As Mariñas”.
Sada, 10 novembro 2020
Dúas técnicas integrantes do Comité presentaron ao Concello de Sada neste servizo, que é un órgano colexiado de carácter consultivo dirixido a profesionais e usuarios/as da intervención social e que ten por finalidade asesorar nos problemas éticos da intervención social, fomentar a cultura ética e mellorar a calidade da intervención social e o benestar das persoas usuarias dos servizos sociais.
Á reunión acudiu tamén a concelleira de Benestar e Igualdade, Isabel Reimúndez, quen sinalou que este servizo “é pioneiro a nivel galego, algo do que temos que sentirnos orgullosos/as. A toma de decisións na intervención social, afecta directamente a vida das persoas e moitas veces xorden dúbidas éticas. A creación deste comité supón un avance social importante e promove o coñecemento da cultura ética, co lema de mellorar a vida das persoas usuarias dos servizos sociais".
Esta iniciativa xorde da preocupación dos/as profesionais dos servizos sociais dos concellos que forman parte do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) por consolidar e promover a dimensión ética da intervención social e buscar apoio para acadar a mellor solución en determinadas situacións de conflito. De aí abrollou un plan de formación (2017-2018) que tiña como finalidade proporcionarlles habilidades e coñecementos éticos básicos e facilitar a creación dun comité de ética en intervención social no ámbito do Consorcio. Ademais, o Plan pretendía mellorar a calidade da intervención e dos procesos de toma de decisións dos/das profesionais e contribuír a implantar unha cultura ética no Consorcio e na sociedade.
O CEIS As Mariñas está ao servizo das/dos profesionais, centros, servizos, asociacións, fundacións, institucións, persoas usuarias, familias e/ou representantes e outros axentes implicados na intervención social do Consorcio As Mariñas.