O Concello de Sada, a través da concellería de Mocidade, abre esta mañá ao público unha nova instalación na zona deportiva, situada detrás das pistas do paseo, que era unha demanda das persoas que practican exercicio físico ao aire libre.
Unha ducia de elementos de exercicios compoñen o novo espazo que tamén se dotou dunha fonte e un acceso peonil que realizaron operarios de Obras e Servizos.
Sada, 31 marzo 2021.
Barras simples, pórtico de argolas, corda para rubir, escaleira inclinada, barra de flexión de brazos, barras triangulares, espaldeiras, escaleira horizontal, escaleira horizontal inclinada, barras paralelas, barras de flexións e bancos de salto son os elementos que se instalaron no novo espazo de Calistenia do paseo marítimo de Sada.
Esta instalación abrese ao público na mañá de hoxe e súmase ás numerosas opcións de lecer do Paseo Marítimo onde se atopan as pistas polideportivas (fútbol, baloncesto e tenis), o parque infantil (renovado completamente en 2019), o novo carril-bici (realizado en 2019) e unha gran extensión de zona verde (renovada en 2020).
A demanda de exercitarse ao aire libre aumentou desde a chegada do covid-19 e esta instalación “é a resposta municipal a esa demanda”. A concelleira de Mocidade, Rebeca Mouriño, explica que debido ás restricións moitos mozos transmitíronlle a necesidade de instalar módulos que lles permitan adestrarse sen ter que depender de recintos pechados ou de elementos compartidos cun público infantil, como sucedía até o momento e que creaba conflitos. A xente, co covid, demandaba facer deporte na rúa, foi ou que botaron máis en falta”.
Neste sentido, os novos módulos de calistenia, en cuxas proximidades se instalou unha fonte, destínanse a mozas/os e adultos que superen os 1,40 metros de altura. Ademais, a súa localización xunto ás pistas ou o carril bici permite que sexa fácil a transición entre distintas modalidades.
Desde a concellaría de Mocidade sublíñase que esta nova instalación “permitirá ampliar as opcións de lecer para os mozos do municipio, ao mesmo tempo que supón unha acción contra o sedentarismo que propiciou o confinamento ou outras formas de lecer menos activas”.
Ao igual que o parque infantil recentemete mellorado de As Brañas, durante uns días a zona axardinada da instalación quedará perimetrada para rematar de sembrar o céspede.