O Concello de Sada organiza o acto de acendido do alumeado navideño para a tarde do 7 de decembro con sorteo de vales e regalo, música e solidariedade. A concellería de Promocíon Económica e Turismo programa tamén para o mesmo dia unha “Noite Branca” con ofertas e promocións do comercio local que terá horario de peche tardío.
O Concello de Sada programa diferentes actos para dar comezo ao Nadal no municipio. Desde a concellería de Cultura prográmase o Acendido Solidario. A actividade dará comezo ás 17h cunha recollida de alimentos non perecedoiros, productos de hixiene e xoguetes en bo estado a favor de Cruz Vermella e Cáritas. As familias que fagan as súas achegas no punto de recollida instalado en horario de 17 a 19h na praza de San Roque recibirán rifas para participar nos sorteos da mesma tarde.
Ás 19h terá lugar o primeiro dos sorteos. A familia afortunada terá o privilexio de acender a decoración navideña deste ano e tamén será agasallada cunha Nintendo Switch Oled.
A festa continuará ata as 20h con animación musical e novos sorteos de tres vales de 100€ cada un para gastar no comercio local.
Por outra banda desde a concellería de Promoción Económica e Turismo prográmase nesa mesma data unha “Noite Branca” para promoción do comercio local. Os comercios participantes realizarán ofertas e promocións e poderán abrir ata as 22:00 horas.
Para ambientar esta iniciativa durante toda a tarde e ata o peche dos comercios haberá postos de alimentación relativos ao outono e o Nadal distribuidos ao carón da Capela de San Roque.