Sada acolle a partir deste sábado duas exposicións con temática mariña como antesala do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

29 / XUN / 2023

Sada acolle  a partir deste sábado duas exposicións con temática mariña como antesala do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

A mostra de pintura, de artistas de ARGA, estará na Sala da Cultura ‘Pintor Lloréns’ e a de fotografía, de Eduardo Rivo, na Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva, e ambas poderán visitarse de luns a venres polas mañás

Sada acolle, dende este sábado, día 1 de xullo, dúas exposicións, unha de pintura e outra de fotografía, de temática mariñeira como antesala do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na vila do 3 ao 6 de agosto e na que se reunirán un cento de barcos e que contará con actividades en terra e no mar, como percorridos pola ría.

A exposición de pintura ‘O mar na miña memoria’ está composta por obras de Anandez, Ángeles Jorreto, Cristina Seisdedos, Charo Blanco, Demoreiras, Enrique Castro, Faginas, Francisco Otero, Francis Marrouch, Luis Mazorra, Manuel Gandullo, Marga Santiago e Pilar Pastoriza e estará na Sala da Cultura de Sada ‘Pintor Llorens’.

O seu horario de apertura desde o sábado, día 1 de xullo, ata o 30 de agosto, será de luns a venres de 8.00 a 14.00 horas. Os días 5 e 6, a fin de semana na que se celebra o Encontro, estará dispoñible para visitas. Nesta exposición colabora a Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA).

Na Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada tamén se abre este sábado a exposición fotográfica de Eduardo Rivo, que poderá ser visitada de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas ata o 7 de agosto, é dicir, xusto ata que acabe o evento.

Xa hai máis de medio cento de embarcacións inscritas para o Encontro, que virán desde distintas partes de Galicia, da xeografía do Estado e tamén doutras partes de Europa, como Irlanda.

A inscrición segue aberta, así como a de persoas voluntarias, que axuden durante a montaxe e desmontaxe das instalacións do evento e no seu desenvolvemento no porto de Fontán. Ambos formularios están dispoñibles na web do encontro: https://sadaembarcacionstradicionais.org/

 

Arquivado en