Celebrarase do venres 24 ao domingo 26 de setembro en Sada, Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Mugardos e Neda. Compañías nacionais compartirán protagonismo con outras procedentes de Portugal ou Alemaña
A terceira edición do Festival Teatral de Entes Animados (FESTEA) celebrarase do venres 24 ao domingo 26 de setembro con importantes novidades. Entre elas, a incorporación do concello de Sada, xunto con Cabanas e Fene, que se suman así aos de Ares, Mugardos e Neda, abarcando un territorio de 720 kms cadrados.
O FESTEA multiplica por tres o número de funcións, con 15 sesións a cargo de 5 compañías, que presentarán 7 espectáculos. E, por primeira vez, ofrecerá un obradoiro infantil de construción de monicreques para contaxiar a maxia por estes dende a infancia, así como un espectáculo dirixido en exclusiva ao público adulto.
De todo isto deron conta os organizadores na rolda de prensa celebrada onte na Casa das Palmeiras de Neda onde participaron o director artístico do certame e representante da Asociación Titerario, Plamen Dipchikov, así como concelleiras e técnicos/as culturais dos concellos de Ares, Cabanas Fene, Mugardos, Neda e Sada, e representantes de La Room e da AVV de Canido. Todos eles e elas coincidiron en destacar o salto cualitativo que dá este ano o festival, e que inclúe a súa incorporación á Rede de Festivais Internacionais de Teatro de Títeres e Obxectos de Outono, a máis importante a nivel mundial.
O PROGRAMA
O festival arrancará este venres en Ares (ás 18,30 h a compañía Thomas Herfort Marionetas, de Alemaña, representará “Kabaré Pùpala” no centro cultural Outeiro).
O seguinte espectáculo terá lugar en Sada, ás 19 h, La Carreta Teatro de Valencia trae o seu espectáculo “Fabularía: o galo kikirigalo” aos xardíns colindantes á Praza Irmáns Súarez Picallo. A entrada será libre sen reserva.
As funcións do venres seguirán en en Fene (ás 20 h no local social de Limodre coa función “Fíos Máxicos”, a cargo da compañía lusa Rui Sousa Marionetas), e Ferrol (ás 22,30 h, a Sala La Room acollerá “Night Show Berlín”, de Thomas Herfort Marionetas).
Ao día seguinte, sábado 25, os espectáculos iniciaranse de mañá no salón de plenos de Cabanas, que albergará ás 12,30 h a función “Fíos Máxicos” de Rui Sousa, e no café Sevilla de Ferrol, a partir das 13 horas, coa obra “Juanito e María” de Flash Teatro. Xa pola tarde, ás 18,30 h, o Centro Cívico de Canido e a Casa da Cultura de Neda acollerán as obras “Kabaré Pùpala” e “A ratita presumida” de Búho Teatro, respectivamente.
E, pechando, ás 19 horas, o Casino Mugardés será sede da compañía La Carreta Teatro e a obra “Fabularía”. A xornada completarase co Obradoiro de construción de monicreques a cargo de Thomas Herfort Marionetas, dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos (ou menores acompañados/as de país/nais ou titores legais). Será neste caso no centro cívico de Canido ás 16,30 h, con prazas limitadas.
Na xornada do domingo, continuarán os espectáculos. Ás 12,30 horas na Casa da Cultura de Neda con “Kabaré Pùpala”. Ás 13 h a compañía Flash Teatro representará “Juanito e María” no local da SCRD Agarimo. Ás 13,30 h, o café Sevilla ofrecerá a obra “Fíos Máxicos. E, xa pola tarde, ás 18,30 h, a Alianza Aresana e o Centro Cívico de Canido acollerán, respectivamente, as funcións “A ratita presumida” e “Fíos Máxicos”. Pechará o cartel Thomas Herfort no Casino Mugardés, ás 19 h, con “Kabaré Pùpala”.