Sada acollerá o 6 de agosto o II Torneo de Fútbol Gaélico Praia

21 / XUL / 2022

Sada acollerá o 6 de agosto o II Torneo de Fútbol Gaélico Praia

Galicia triunfou o pasado fin de semana no torneo europeo de fútbol gaélico e este deporte chega agora aos areais galegos co II Torneo de Fútbol Gaélico Praia que se celebrará o 6 de agosto en Sada ás 11:00 horas na Praia das Delicias. Este campionato mixto xa ten abertas as inscricións e poden participar todas as persoas que queiran, desde aquelas que xa teñen experiencia até as que nunca practicaron esta modalidade.

A area será o terreo de xogo deste deporte que chegará á praia de Sada, na zona de O Curruncho, o primeiro fin de semana de agosto. "Non importa que non se saiba, porque se van a xogar os partidos dun nun e imos axudar a aqueles que non saiban. Vaise a xogar nun campo pequeno", explica a dianteira Leticia Zapata, que participa na organización do torneo xunto á Asociación Galega de Fútbol Gaélico.

Os equipos deben estar formados por un mínimo de cinco xogadores e un máximo de oito. A organización explica que poden ser só de mulleres, só de homes ou mixtos, e que aquelas persoas que se apunten de forma individual serían recolocadas días antes da celebración do torneo para crear novas formacións ou ser incluídas en equipos "que vaian xustos".

Os participantes, a partir de 14 anos, xa poden formalizar a súa inscrición no correo electrónico secretaria@gaelicogalego.gal antes do luns 1 de agosto. A información que deberán facilitar é o nome, apelidos, DNI/pasaporte e data de nacemento dos integrantes do equipo, que pagarán 5 euros cada un.

O obxectivo deste torneo é achegar o fútbol gaélico ao maior número de persoas posible para dar a coñecer un deporte que sufriu "un bajonazo" debido á pandemia. A celebración do campionato europeo logrou que moita xente "se reenganchase outra vez" e o torneo de Sada busca consolidar esta tendencia.

GALICIA POTENCIA NO FÚTBOL GAÉLICO

A selección galega participou o pasado fin de semana no Euro Gaelic Football Cup 2022 celebrado en Poio e Pontevedra, no que logrou consolidarse como unha das mellores. Os equipos B, tanto o masculino como o feminino, proclamáronse campións da categoría Development. Zapata explica que as mozas que competiron na Championship quedaron segundas tras perder fronte a Francia, mentres que o partido para determinar se os mozos lograban o bronce non chegou a disputarse.

Arquivado en