Sada acondiciona as instalacións deportivas municipais das parroquias

24 / NOV / 2020

Sada acondiciona as instalacións deportivas municipais das parroquias

-Nunha primeira fase a Concellaría de Educación e Deportes executará actuacións nas pistas deportivas de Meirás, O Castro, Veigue e na de baloncesto do Paseo Marítimo de Sada.

- As obras orzamentadas en 62.196 euros inclúen o acondicionamento das distintas superficies, instalación de novos elementos deportivos e o cambio ou arranxo dos peches perimetrais.

Sada, 21 novembro 2020

A Concellaría de Educación e Deportes, xestionada por María Nogareda, está a levar a cabo diversas melloras nas instalacións deportivas ao aire libre municipais, sendo esta primeira fase de actuacións nas das parroquias de Meirás, Osedo, Veigue e Sada.

En Meirás acondicionarase a superficie da pista polideportiva e realizarase o pintado tanto da superficie como das liñas de xogo. Ademais dotarase de novos elementos de xogo consistentes en canastras, un xogo de postes e rede de tenis e novas portarías de fútbol sala/balonmán. A Concellaría de Deportes tamén levará a cabo o cambio de peche perimetral dos dous fondos en Tramex e repararase o resto do peche da malla de simple torsión.

Na parroquia de Osedo executaranse traballos na pista polideportiva do Castro consistentes na reparación do peche perimetral, o pintado e marcaxe de liñas de chan e a subministración de novas canastras de baloncesto.

En Veigue remodelaranse dúas instalacións deportivas. Por unha banda, nas pistas da Igrexa arranxarase a superficie e realizarase o pintado do terreo de xogo e a marcaxe de liñas da pista. Tamén se dotará esta instalación con novo material deportivo consistente en dúas canastras, un xogo de postes e rede de tenis e novas portarías de fútbol sala/balonmán. Ademais cambiaranse os fondos do peche perimetral en Tramex e no resto do peche repararase a malla de simple torsión.

Doutra banda, na pista tenis de Veigue aplicaranse dúas capas de pintura acrílica especial para instalacións na pista, o exterior dos muros e o peche. Realizarase a marcaxe de liñas de xogo, dotarase dun novo xogo de postes e rede de tenis e repararase o peche perimetral da pista deportiva. A maiores a Concellaría de Deportes instalará nun dos costados unha canastra de baloncesto con aro de PVC.

Finalmente, acondicionarase a pista de baloncesto do Paseo Marítimo de Sada. Nesta actuación levarase a cabo un cambio de superficie con subministración de imprimación antiescorregadiza e a marcaxe das liñas de pista.

A concelleira de Educación e Deportes, María Nogareda, anuncia que non serán os únicos arranxos que se van levar a cabo nas instalacións deportivas das parroquias. “Evidentemente realizaremos este tipo de mantemento en todas as pistas polideportivas de todas as parroquias do municipio e as actuacións continuarán coa realización dun mantemento constante para que poidan estar sempre en perfectas condicións de uso”.

Nogareda sinala que precisamente estes espazos ao aire libre son máis necesarios que nunca. “Na época de pandemia actual necesitamos estes lugares comúns nas parroquias para que os veciños e as veciñas poidan exercitarse e desenvolver actividades ao aire libre”. 

 

Arquivado en:

Arquivado en