O Concello de Sada, a través da concellería de Cultura, pon a disposición de todas aquelas persoas do municipio que traballen nas artes escénicas, danza, escultura, música, literatura, fotografía ou calquera outra disciplina artística, o Catálogo de Artistas co obxectivo de recoller información do noso tecido artístico, potencialo e poñelo en valor.
A web municipal activa un apartado dentro de Cultura coa base de datos dos artistas locais que permitirá facilitar o contacto directo con eles/as, xerar sinerxías, promover e difundir os seus traballos, programar actividades que fortalezan o desenvolvemento cultural da vila á vez que desde o Concello de Sada se apoia a un sector bastante afectado pola crise sanitaria do Covid19.
Asemade, o Catálogo de Artistas locais é un instrumento dixital que permitirá ao municipio a acceder a información detallada de cada artista sadense, permitindo recoñecer a súa labor, quen son as embaixadoras e embaixadores culturais da nosa comunidade e invitando á participar a nosa cidadanía a comprometerse e apoiar a cultura.
Desde a concellería de Cultura advirten que este Catálogo está vivo, polo que animan a todos os artistas de Sada a formar parte do mesmo cumplimentando o formulario que está no apartado da nova sección da web. Tamén animan a toda a cidadanía a compartir o formulario entre as persoas que coñezan que crean que poden estar interesadas.