A día de hoxe máis do 60% dos plans da banda ancha están sen executar polo que o Concello de Sada realizará unha consulta real do despregamento de fibra no municipio recollendo referencias catastrais de zonas que quedan fóra do anunciado polo Ministerio.
Despois de numerosas consultas e escritos ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital así como a Inspección de Telecomunicacións e as compañías encargadas do despregue de fibra, a Subdirección General de Operadores de Telecomunicaciones e Infraestructuras Digitales ven de informar ao Concello de Sada que actualmente existen tres plans en execución cuxa data de finalización ampliouse ao 31 decembro de 2021 debido á solicitude das empresas adxudicatarias polo Covid19.
O Concello de Sada lamenta a posición da Subdirección Xeral de non aceptar propostas nas consultas públicas sobre la Identificación de las “Zonas Blancas NGA” Y “Zonas Grises NGA” para os plans dos próximos anos. Desde a concellería de Novas tecnoloxías, xestionada por Rebeca Mouriño, considérase que “a proposta do Ministerio non se axusta á realidade da necesidade do noso municipio e así llo fixemos saber nas nosas alegacións no mes de maio”.
“De feito, indica Mouriño, onte publicouse o resultado da consulta pública e o Concello de Sada non pode estar mais disconforme coas zonas consideradas elexibles para Sada”.
Ista situación levou a enviar de novo alegacións ante o Ministerio onde se indica que o Concello de Sada xa advertiu que as zonas elegibles para a dotación de fibra no noso municipio “consistían en zonas axardinadas onde non existen vivendas”. Ademais Mouriño lembra que o Concello de Sada “viu minguada considerablemente as zonas de despregamento ao ser incluídas a escasa cantidade de 98 unidades inmobiliarias en todo o termo municipal para a próxima convocatoria do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) cando no termo municipal existen 6900 unidades inmobiliarias habitadas”.
A concelleira de Novas tecnoloxías entende que “a información que recompila o Ministerio é a información proporcionada polos operadores “permitindo desta maneira aos operadores facer replanteos de forma que hai entidades inicialmente incluídas no plan de despregamento que finalmente quedan excluídas” e reprocha ao executivo central que “son tres os proxectos PEBA e os dous máis amplos levan importantes atrasos estando a día de hoxe máis dun 60% dos plans sen executar”.
En base a isto Sada solicita que se adopten as medidas necesarias para realizar plans de despregamentos axustados á realidade dos municipios. “Solicitamos, indica Mouriño, a aceptación por parte da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais dos datos e a información detallada de cobertura de banda ancha achegada polas entidades locais, posto que somos as que mellor coñecemos as singularidades dos municipios”.
E avanza que o Concello de Sada realizará unha consulta real recollendo referencias catastrais de zonas que quedan fóra de despregamento “posto que consideramos que é a forma máis efectiva a reducir a fenda dixital que se está sufrindo en zonas rurais” que remitiráselle ao Ministerio “desexando que sexa de utilidade para realizar plans de despregamentos reais”.
“Gustaríanos que se reconsiderase a decisión de incluír nos proxectos unicamente a información proporcionada polos operadores, posto que eles, no seu interese de entidade privada, valoran reportar as zonas que máis se axustan ás súas necesidades de modo que tenden a eliminar as zonas rurais que se atopan algo afastadas ou zonas onde se necesita soterrar para realizar a instalación” recalca a concelleira de Novas Tecnoloxías.