O goberno municipal de Sada ven de adxudicar tres obras de mellora de saneamento e pavimentación por valor de 191.406,42€.
Sada 1 decembro 2016.
En Sada realizarase a sustitución das redes principais e as súas acometidas así coma a instalación de novos servizos e pavimentación da rúa do Río e da Travesía da rúa da Obra (104.379€). Coas obras que se proxectan A concellería de Obras e Servizos, xestionada por Miguel Tenreiro, pretende realizar a substitución das acometidas aos edificios e a separación das augas residuais e pluviais como se veu facendo noutras zonas comerciais.
Así mesmo instalaranse os tramos necesarios de tubaxe para dirixir as augas provenientes das cubertas dos edificios existentes directamente do colector subterráneo que se proxecta e instalaranse os tramos que se consideren necesarios de canalizacións subterráneas para proporcionar subministración eléctrica e telecomunicacións ás vivendas existentes. Actualmente algún destes servizos atópanse grapados ás fachadas dos edificios e en casos atravesan as rúas con vans aéreos. Finalmente proxéctase a substitución do 100% do pavimento, con plaqueta prefabricada para o paso de peóns e un pavimento vehicular de lastro ambos os separados por un bordo de granito gris a imaxe e semellanza das demais rúas do centro comercial aberto, para conseguir unha maior e mellor mobilidade peonil.
Nas parroquias do municipio a concellería de Obras e Servizos realizará tamen varias actuacións. A pavimentación do camiño Campo de Sar-Costa en Soñeiro por valor de 34.500€. A obra divídese en dous tramos distintos. Un que discorre desde o cruce de Costa, á altura do número 10 até o camiño que vai ao cemiterio parroquial de Soñeiro e outro que vai desde o cruce existente á altura do número 14 de Costa até a súa ligazón coa estrada autonómica AC-182. En ambos os tramos preténdese, en primeiro lugar, limpar e acondicionar ambas as marxes do camiño para dotar posteriormente con zahorra as áreas máis deterioradas e conseguir un sobreancho de 50-75cm. no vial.
A outra obra adxudicada é o saneamento do camiño entre Lamela (Canoedo) a Lácere (Mondego), por valor de 52.527,15€, obra na que o tramo de saneamento e o bombeo proxectados amplía este servizo de recollida de augas fecais, nos lugares de Lamela e Lácere, nunha lonxitude total de 393 metros.
Estas obras de melloras nas vías das parroquias do municipio e no sameamento se complementan coa pavimentación do camiño de Vista Alegre en Osedo, a pavimentación do camiño de Soutillo en Veigue, a pavimentación do camiño do Galo en Carnoedo, a pavimentación dos viais da contorna do Pazo de Meirás e zonas cercanas e a reparación de camiños en varios lugares do termo municipal que comezarán a executarse nos próximos días.