O alcalde de Sada sinala que "o goberno do estado debe comprometerse, con prazos e orzamento definidos, para a mellora ambiental da praia de Sada".
Benito Portela insta ademáis ao novo goberno do Estado a que acuda á vía xudicial para incorporar o Pazo ao patrimonio público.
Sada, 3 xuño 2018
Ante o novo escenario político no Estado Español, co novo goberno presidido por Pedro Sánchez, o goberno de Sada agarda que por fin se atenda a dous dos asuntos nos que o Estado ten competencias en relación co Concello de Sada, a incorporación gratuíta do Pazo de Meirás ao patrimonio público e a rexeneración da praia.
En relación ao Pazo de Meirás, Portela expresou “que agarda que o novo goberno do Estado sexa sensíbel as demandas da cidadanía galega na urxencia de abrir canto antes a vía xurídica co obxecto de definir e concretar unha solución para o Pazo de Meirás, creando unha fronte reivindicativo única entre o goberno do Estado, o Concello de Sada , a Xunta de Galicia, e a Deputación de A Coruña”.
“O novo goberno presidido por Pedro Sánchez debe acordar e ordenar á abogacia do Estado o exercicio das accións xudiciais oportunas para recuperar o Pazo para a titularidade e usos públicos e acabar dunha vez coa vergoña da súa detentación por parte dos herdeiros do ditador”, conclúe o alcalde, Benito Portela.
Respecto da praia de Sada, o Alcalde, Benito Portela, expresou que: "O goberno municipal vai demandar do novo goberno que se comprometa a acadar unha solución firme sobre a Actuación Ambiental na Praia de Sada a cuxa licitación renunciou o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentacion e Medio Ambiente do Partido Popular", e prosigue “unha vez que coñezamos o nome do novo ministro ou ministra farémoslle chegar unha solicitude de reunión co obxectivo de que coñezan de primeira man a importancia que ten para Sada dita Actuación Ambiental para que de xeito inmediato comecen a traballar nun novo proxecto e súa posterior licitación, adxudicación e execución”.