- A mostra, deseñada por Pepe Carreiro, permanecerá instalada na Travesía da Obra ata o 28 de maio para dar a coñecer a entidade, da que o Concello de Sada é socio.
- Os paneis repasan os proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos e as actividades de concienciación implementadas en Galicia.
Sada, 15 de maio de 2017.
A mostra coa que o Fondo Galego de cooperación e Solidariedade conmemora os seus vinte anos de andaina amósase desde mañá en Sada, onde permanecerá ata o vindeiro 28 de maio.
Os cubos da exposición “20 anos a Fondo coa Solidariedade” permanecerán instalados na Travesía da Obra para divulgar o labor realizado por esta rede de administracións locais comprometidas coa solidariedade internacional, recoñecida como axencia municipal da cooperación galega.
Dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos coma o de Sada á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento, é o obxectivo desta exposición, que contou no seu novidoso deseño co ilustrador Pepe Carreiro, autor dos sonados Bolechas.
Os paneis fan un repaso pola orixe do Fondo Galego, os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos ou as actividades de sensibilización implementadas en Galicia, entre outros contidos.
O alcalde de Sada, Benito Portela, mostrou a colaboración do Concello de Sada co Fondo Galego de cooperación e Solidariedade, para tratar de construir un “mundo máis xusto” e anima aos veciños e veciñas a visualizar a exposición na rúa onde se explica que é o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e cales son os proxectos e as actividades de sensibilización máis destacadas que se teñen realizado para concienciar á cidadanía galega fronte as desigualdades globais.
A exposición adéntrase na estrutura do Fondo Galego, coa Rede Municipalista Solidaria como motor organizativo, e amosa o mapa das deputacións e concellos socios. “É evidente, sinala Portela, a necesidade que temos nos concellos de participar en campañas de solidariedade como esta e o moito que queda por facer”.
O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.